Luis López participa na reunión de seguimento da preparación dos proxectos do PP nos nove concellos do Salnés para as Municipais 2027

Xoves, 23 de outubro de 2025.-

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, encabezou a reunión de seguimento para a preparación dos proxectos políticos, programáticos, sociais e veciñais das agrupacións populares nos nove concellos da comarca do Salnés cara ás Eleccións Municipais 2027 xusto cando restan 19 meses para a cita coas urnas.

O tamén presidente da Deputación, que estivo acompañado pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, participou activamente neste encontro de traballo, que contou coa presenza dos catro alcaldes do PP na comarca, os voceiros municipais e a práctica totalidade dos concelleiros e que se celebrou na sede popular de Sanxenxo.

Nesta xuntanza analizáronse os fitos, os retos e os cambios sociais do presente mandato municipal e as necesidades que se atisban nos 110.000 habitantes da bisbarra para os próximos anos, centradas fundamentalmente na vivenda, as infraestruturas, os servizos sociais, a sanidade e a xestión do turismo, e definíronse as bases e temas comúns dos diferentes programas “para favorecer a unidade de acción fundamental para o desenvolvemento de Arousa”.

“As Eleccións Municipais son moi locais e se centran nas cousas dos veciños propios, pero a ninguén se lle escapa que O Salnés non funciona como nove departamentos-estanco, senón que hai moitos retos e sinerxias comúns que deben ser atendidos para funcionar como un equipo, como un bloque, e non como os reinos de taifas que vemos noutros partidos, que din unha cousa nun sitio e a contraria noutro para que ao final non funcione nada”, advertiu Luis López, que destacou a implicación e compromiso das nove agrupacións do Salnés, “xa que foron as primeiras de toda a provincia en facer un encontro destas características e convidarnos a participar desde a dirección provincial”.

O presidente do PP adiantou que os proxectos populares nos nove concellos da comarca “van ter algo común que sempre nos caracterizou e é que van estar feitos co corazón, pensados coa cabeza e centrados exclusivamente na xente, nos veciños, que son a nosa razón de ser”.

Finalmente, López marcouse como obxectivo gañar as eleccións nos nove concellos da bisbarra tras obter sete vitorias en 2023 “aínda que para gobernar precisaremos da excelencia que supón obter a maioría absoluta en cada municipio fronte aos malpartitos de esquerdas”, manter os dous deputados provinciais e obter máis alcaldías das catro que se ostentan na actualidade, “o que practicamente nos garantiría manter tamén o goberno da Mancomunidade”.

“As próximas Eleccións Municipais van ser moi importantes, diría que fundamentais para o futuro da bisbarra no horizonte do ano 2050, e por iso no PP, mentres outros andan a perder o tempo, seguimos traballando pola xente, como levamos facendo todo este mandato, e agora tamén imos comezar a perfilar os nosos proxectos para tentar gañar a confianza dos veciños en 2027”, concluíu.