Luis López lamenta que, outro ano máis, teñamos que comenzar xaneiro con outra suba das peaxes e expresa o seu rexeitamento contra as palabras de Óscar Puente que este fin de semana descartou completamente o rescate da AP-9
Pontevedra, 23 de decembro de 2025.-
O presidente do PP de Pontevedra, Luis López lamentou hoxe que un ano máis, os galegos temos que comezar xaneiro, cunha nova suba das peaxes, que segundo as estimacións pode acadar un incremento do 4,4% que se suma aos aumentos aplicados xa en anos anteriores.
Luis López avanzou que o Grupo provincial do PP de Pontevedra presentará este venres unha moción na Deputación para instar ao Goberno de España a que paralice a suba das peaxes e procesa á inmediata liberación da AP-9
“O Goberno de España ten que paralizar de inmediato esta suba e ademáis esiximos que se avance na transferencia a Galicia da titularidade da AP-9. Pero lamentablemente este fin de semana tivemos que seguir aturando os continuos desprezos do señor Puente, e ter que escoitar que descarta completamente o rescate das peaxes da AP-9. Estamos xa moi, moi fartos de que o Goberno central continúe con este agravio a Galicia, mentres suprime tarifas noutras autoestradas estatais. Unhas rexións libres de peaxes e outras cuns peaxes desorbitados. Galicia continuará contando con autoestradas que están entre as máis caras do país”, lamentou o dirixente provincial.
Luis López indicou que dende o PP de Pontevedra esiximos que rematen xa con esta inxustiza que tanto está prexudicando á economía das familias como a competitividade dos sectores industriais e loxísticos que dependen da mobilidade, e a centos e centos de transportistas.
A autoestrada AP-9 é unha infraestrutura básica e vital de dinamización económica e social da nosa comunidade. É un eixe vertebrador que percorre a xeografía galega de norte a sur, na súa franxa atlántica, na que se concentra arredor do 60% da poboación, e que conecta 5 das grandes cidades galegas: Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo.
“Esta suba das peaxes redunda no agravio comparativo do que vimos sendo obxecto os galegos con respecto ao resto das autoestradas de competencia da administración central, posto que a tendencia é eliminar ou rebaixar as peaxes, é todo o contrario do que se está a aplicar en Galicia. Algo inexplicable nestes tempos de crise e de suba nas economías dos nosos cidadáns. O rescate da AP–9 e a liberación das peaxes son unha necesidade urxente para Galicia e o Goberno debe acometela canto antes. Dende a Deputación temos que traballar na defensa dos intereses dos pontevedreses, dando a batalla para lograr unha AP-9 galega, asumindo a súa titularidade, dunha vez por todas”, rematou o presidente provincial.