Luis López: “Esta sede será o punto de encontro de todos os moañeses fronte aos que só pechan portas co seu sectarismo”
Venres, 5 de novembro de 2025
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, asistiu este serán á inauguración oficial da nova sede da agrupación local do PP de Moaña e vaticinou que este espazo “será un lugar aberto a toda a cidadanía e un punto de encontro para todos, absolutamente todos os moañeses” e contrapuxo esta actitude aperturista, integradora e de máxima cercanía dos populares “coa daqueles que só pechan portas co seu sectarismo e dividen aos cidadáns en bos e malos segundo a súa afiliación política”.
O tamén presidente da Deputación puxo en valor o “grandísimo traballo” que está a realizar o PP de Moaña na exclusiva defensa dos intereses da veciñanza “e aí está como gran exemplo de compromiso coa xente a loita incansable contra a brutal suba do lixo que pretenden impoñer os gobernos do BNG”. Neste senso, louvou o labor desenvolvido nesta nova etapa con Alfonso Piñeiro ao fronte do grupo municipal e Estela Santomé dirixindo o partido no ámbito orgánico e engadiu que esta nova sede “será unha ferramenta máis para seguir representando á maioría social do pobo de Moaña fronte aos que non escoitan aos veciños”.
Luis López estivo acompañado nesta inauguración, que contou coa presenza de decenas de militantes e simpatizantes que ateigaron a nova instalación, pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro.
Pola súa banda, a titular autonómica tamén tomou a palabra para salientar que Moaña “é un municipio aberto ao mar cun gran sentimento pola actividade Pesqueira e cun pasado de gran tradición no sector” e asumiu o compromiso de seguir impulsando investimentos e unha colaboración absoluta coa confraría e coas súas empresas desde a Xunta de Galicia.
Así, Villaverde lembrou que xa está en marcha a rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro e a instalación dun criadeiro de polbo na Borna que é pioneiro en toda España. Ademais, sumou a estes investimentos a colaboración que se está a realizar con industrias locais no ámbito da investigación mariña e coa confraría para poñer en valor o oficio do marisqueo e a comercialización dos seus produtos.