Luis López: “En 2027 chegará o momento de Sabela Fole, do PP e, sobre todo, chegará o momento de Cambados e dos cambadeses tras doce anos de desfeita política”
Cambados, 15 de novembro de 2025.-
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, encabezou o tradicional Pincho de Nadal do PP de Cambados, celebrado onte á noite na sede da agrupación local, e admitíu que cada vez se achega máis o momento de esperanza e futuro para os veciños: “En 2027 chegará o momento de Sabela Fole, do PP e, sobre todo, chegará o momento de Cambados e dos cambadeses, que agardan con moitas gañas a cita coas urnas para rematar con doce anos de desfeita política”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra, que acudíu acompañado pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, louvou o traballo que está a realizar o PP cambadés na oposición e tamén a súa política de utilidade pública, apoio e colaboración, “xa que moitas das cousas que se están a facer neste pobo xurden froito do traballo de Sabela Fole e do seu equipo con outras administracións”.
Así, López contrapuxo a “ilusión, o proxecto e o equipo” liderados pola voceira municipal e presidenta local, “que demostran que están perfectamente preparados para atender aos cambadeses como se merecen e necesitan”, fronte a unha “xestión a catro bandas, que nunca funciona porque son catro gobernos baixo a apariencia dun só, con intereses diferentes e contrapostos e que nunca defenden o ben común, polo que ao final todo deixa moito que desexar e non se atende axeitadamente aos veciños”.
No encontro, que incluíu o tradicional brinde polas próximas festas e o ano 2026 e que reuníu a decenas de militantes e simpatizantes do partido, Sabela Fole tamén se dirixíu aos asistentes para agradecer o respaldo absoluto e a unidade do PP local que considera “fundamentais” para amosar seriedade e rigor ante os veciños e para conseguir un obxectivo de dificultade máxima. Así, deixou claro que a única meta fixada polo PP de Cambados para a cita coas urnas dentro de 554 días é a consecución dunha vitoria rotunda por maioría absoluta “para sacar a Cambados, o concello que máis axudas, fondos e investimentos perde de toda a provincia, do seu estancamento desta década e do seu grave deterioro deste mandato”.