Luis López destaca a “enorme solvencia” das sete alcaldías do PP no Condado e A Paradanta e a “gran fortaleza dos proxectos gañadores” para 2027
Xoves, 26 de marzo de 2026.-
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou a “enorme solvencia” das sete alcaldías populares nas comarcas do Condado e A Paradanta pola súa vocación prioritaria de atención aos cidadáns e a “gran fortaleza dos proxectos gañadores” nestas bisbarras para as eleccións municipais de 2027, xa que lembrou que o partido “é o único que sempre, e por riba de calquera circunstancia, defende os intereses dos veciños e deste territorio do interior”.
O tamén presidente da Deputación louvou as políticas do PP pensadas exclusivamente para a mellora da calidade de vida e do benestar dos preto de 55.000 habitantes desta contorna do sur da provincia e chamou a traballar arreo para acadar unha rotunda vitoria en todos os concellos o próximo ano “para que os veciños se sintan representados e atendidos polo único partido que prima a súa atención sobre todas as cousas”.
Luis López destacou o labor de todas as formacións nunha reunión de traballo comarcal celebrada na sede do PP de Ponteareas e que acolleu aos alcaldes, voceiros e concelleiros populares do municipio anfitrión, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra, As Neves, A Cañiza, Arbo, Crecente e Covelo.
Luis López salientou que o PP “sempre aposta e aí están os feitos” polo sur da provincia con investimentos e servizos desde as administracións que goberna, como a Deputación e Xunta, e exemplificouno nas axudas ás comunidades de augas e os millonarios plans provinciais desde a institución que preside, entre moitas outras cuestión. Así mesmo, tamén puxo en valor o traballo que está a facer o partido, a través dos seis deputados e senadores, “para “reclamar con forza en Madrid os esquecementos e incumprimentos constantes que bordean o maltrato” do Goberno de España, co PSOE ao fronte, con estas dúas comarcas. Así, lamentou a situación do río Miño, os problemas ferroviarios, o mal estado das estradas nacionais e das autovías, os graves problemas na cobertura telefónica e de Internet, os recurtes en materia de seguridade cidadá coas dotacións da Garda Civil ou os continuados recurtes en fondos para a atención da dependencia.
“Estamos fronte a un partido que discrimina e castiga ás bisbarras do Condado e A Paradanta, polo que a solución pasa, exclusivamente, por conseguir o resultado máis potente para o PP como único valedor dos veciños, posto que o BNG, aínda que o agoche, tamén forma parte do problema”, rematou o presidente provincial.