Luis López destaca a alternativa gañadora do PP de Caldas como exemplo dos moitos proxectos populares da provincia que alcanzarán o goberno tras as municipais de 2027

Martes, 21 de xullo de 2026.-

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a fortaleza, unidade, claridade de ideas e seriedade da alternativa gañadora do PP de Caldas de Reis, encabezada por Fernando Pérez, como claro exemplo dos moitos proxectos populares da provincia que alcanzarán os seus gobernos locais tras as municipais de 2027.

“Caldas de Reis é un concello moi importante, ao que o goberno do PSOE ten abandonado desde hai moitos anos e no que hai uns fortes aires de cambio tanto pola febleza dos socialistas como polo grandísimo proxecto, caracterizado pola cercanía coa xente e liderado por Fernando Pérez, que ten o PP e que vai rematar, dentro de dez meses, cun novo goberno que precisan os caldenses”, manifestou o máximo responsable do partido na xunta directiva provincial celebrada este serán no Pazo de Casalnovo do concello termal.

Luis López, acompañado pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e polo voceiro popular de Caldas, encabezou o encontro deste órgano a 306 días das eleccións locais para fixar como obxectivos o mantemento do goberno da Deputación e un aumento significativo das 28 alcaldías que o PP ten na actualidade. “Gustaríanos gobernar en alomenos máis do 50% dos concellos da provincia, o que se traduce en alomenos 31, pero non nos poñemos límites porque somos o único partido que, de verdade, sae a gañar en todos os municipios, tal e como demostramos á última vez que se votou, nas pasadas autonómicas, onde acadamos a vitoria en 54 dos 61 concellos”, aseverou.

O tamén presidente da Deputación contrastou ademais a fortaleza dos proxectos municipais do PP, “que chegan moi avanzados tras tres anos de intenso traballo, xa que estivemos a carón dos veciños e non deixamos os deberes para última hora”, coa debilidade que amosan PSOE e BNG, especialmente naqueles municipios nos que gobernan cos seus “pactos de perdedores”: “Tristemente na provincia temos máis dunha vintena de concellos desnortados con gobernos de socialistas e nacionalistas derrubados, rotos, esgotades e desgastados aos que este mandato se lles está a facer moi longo e cuxos prexudiciais efectos pagan os cidadáns, pero xa queda moi pouco para que os cidadáns teñan a oportunidade de mudalos de raíz”.

Finalmente, a xunta directiva provincial tamén procedeu á aprobación das novas xuntas xestoras do PP no Rosal e Vila de Cruces, que estarán presididas por Iván Gómez e José Luis Villaverde, respectivamente, e fixou o calendario de traballo orgánico e electoral para o vindeiro ano.