Luis López denuncia a forte inestabilidade en 16 concellos da provincia con gobernos rotos, divididos ou febles polos pactos PSOE-BNG e contrapón a xestión das 27 alcaldías do PP
Martes, 27 de maio de 2025.-
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, fixo balance esta mañá dos executivos municipais no ecuador do mandato denunciando a forte inestabilidade que padecen 16 concellos socialistas, nacionalistas e independentes con gobernos rotos, divididos ou febles que teñen a súa causa principal nos pactos PSOE-BNG e contrapuxo esta situación coa “boa xestión e bastión de estabilidade e unidade” amosada polas 27 alcaldías populares.
En concreto, indicou que, segundo denuncian os propios partidos integrantes destes gobernos, os seus socios e aliados nas investiduras e os propios medios de comunicación, os concellos de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Cangas, Tui, Cambados, O Grove, Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Silleda, A Illa de Arousa, Cuntis, Forcarei, Pazos de Borbén, Rodeiro e Agolada “presentan graves problemas de gobernabilidade”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra, que compareceu na sede provincial xunto á secretaria xeral do PP pontevedrés, Luisa Piñeiro, lamentou que as leas internas, as polémicas, os asuntos xudiciais, os enfrontamentos e ciumes e as loitas de egos presidan a xestión destes 16 municipios e, como consecuencia, unha forte crise política e institucional nos mesmos. Todo elo, engadiu, está a prexudicar diariamente a 266.928 veciños da provincia, “que están desamparados e desatendidos mentres asisten ao esperpento continuo destes gobernos multipartitos”.
Luis López asegurou que a situación que padecen estes 16 concellos, nos que residen o 28% dos veciños da provincia xurde de acordos entre o PSOE e o BNG “que son pactos tipo feitos en Santiago, que non teñen para nada en conta a situación de cada municipio e que eles mesmos admiten que non están pensados nos cidadáns, senón exclusivamente en que non goberne o PP, que é o único que lles importa”
Fronte a elo, o presidente provincial puxo como exemplo a xestión, a unidade e a coherencia dos 27 concellos rexidos polo PP -24 con maioría absoluta, dous con pactos estables en Ponteareas e A Guarda e un en minoría en Mondariz pola renuncia da esquerda-, “xa que son gobernos serios, que teñen acertos e tamén erros, pero que están exclusivamente pensados en atender aos cidadáns e onde os conflitos internos nunca son noticia”.
Por elo, anunciou que o PP “non vai deixar desamparados a estes veciños” que sufren a desgobernabilidade destes concellos en crise e garantíu que os populares traballarán arreo para presentar a mellor alternativa e proxectos preparados para gobernar. “Onde só hai división, seremos a resposta”, apostillou.