Luis López califica o compromiso do PP co Grove a través dos investimentos millonarios desde a Xunta e a Deputación como “palanca do cambio” para unha vitoria en 2027
Sábado, 22 de novembro de 2025
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, salientou o “enorme compromiso” do PP coa veciñanza do Grove a través de investimentos millonarios desde a Xunta de Galicia e a Deputación e calificou esta implicación dos populares desde as distintas administracións como a “palanca de cambio” para acadar unha vitoria nas eleccións municipais de 2027.
O tamén mandatario da Deputación de Pontevedra, que acudíu onte á noite á cea de Nadal do PP local acompañado da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e que presidíu esta celebración xunto ao voceiro municipal, Pablo Leiva, puxo en valor a “forte aposta” do presidente Alfonso Rueda e do Goberno galego co Grove con actuacións como o desdobramento do derradeiro treito da Autovía do Salnés, a modernización da Avenida Luis Antonio Mestre, a reforma integral do CEIP Rosalía de Castro, os importantes investimentos vencellados aos sectores do mar e do turismo ou a posta en valor do xacemento do Adro Vello, entre moitos outros.
Así mesmo, destacou que O Grove está a recibir máis fondos que nunca na súa historia da Deputación de Pontevedra a través dos plans +Provincia, de Infraestruturas Deportivas ou Extra a razón de máis de 1,5 millóns de euros anuais e a maiores financiaránselle actuacións singulares como a humanización da contorna de Sineiro
“O Grove está nun momento histórico e doce coa chegada de decenas de millóns de euros procedentes de administracións gobernadas polo PP, totalmente volcadas con este concello, e por iso creo que o noso proxecto para esta preciosa península é a única alternativa real para un futuro no que O Grove non volva quedar atrás, porque está claro que esta sinerxia tan positiva non vai ser aproveitada como se merece por un goberno socialista totalmente esgotado e desgastado ao que se lle ven moito as costuras tras dez anos”, manifestou.
Nesta xuntanza de Nadal, que contou coa presenza de preto dun cento de concelleiros, militantes, simpatizantes e colaboradores, tamén intervíu o voceiro municipal, Pablo Leiva, que apelou á “unidade, unión, cohesión e fortaleza” da familia popular do Grove para afrontar “coa maior das ilusións e as máximas garantías” o reto de gañar as eleccións municipais de 2027.
No acto, a familia popular do Grove estivo respaldada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, a coordinadora comarcal do PP no Salnés, Paz Lago, o congresista Juan Bayón, o parlamentario galego Raúl Santamaría e o deputado provincial Javier Tourís.