Luis López califica ao PP de “Partido do Pobo de Agolada” como artífice da modernización do concello e augura que Carmen Seijas será a futura alcaldesa para corrixir a actual deriva

Sábado, 14 de xuño de 2025.-

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, calificou ao PP como o “Partido do Pobo de Agolada”, posto que foi o artífice da modernización e transformación do municipio tras gobernalo durante corenta anos (1979-2019) da man de Manuel Costa e Ramiro Varela e augurou que a actual presidenta local e voceira municipal, Carmen Seijas, será a futura alcaldesa a partires do ano 2027 para corrixir a actual deriva da man do alcalde Luis Calvo e da formación experimental PAYJ.

“Non vale de nada escandalizarse da gravísima corrupción do PSOE en Madrid se, no caso de Agolada, témola na porta da casa cun alcalde condenado e inhabilitado polo ‘caso Farelo’ ao que lle sobran os veciños e a palabra ‘Anticorrupción’ no nome do seu partido, así que pedímoslle a confianza a aqueles que fixeron un experimento ou que arriscaron co seu voto e que xa non soportan o escándalo actual”, sinalou o tamén presidente da Deputación durante o acto de homenaxe do PP local a todos os concelleiros populares de Agolada durante o período democrático.

Luis López salientou que este encontro “é unha lección da mellor política, dun partido orgulloso do seu pasado e que ten en Carmen e os seus compañeiros aos que encarnan o mellor legado dun PP de Agolada baseado no esforzo, o compromiso, as ideas, a unidade, a ambición e a xestión”. “Carmen merece ser a alcaldesa e, sobre todo, Agolada necesítaa”, apostillou nun discurso no que tivo un emotivo recordo para o ex alcalde de Rodeiro, Manuel Lamazares, que faleceu esta semana e do que puxo en valor todas as súas ensinanzas para estar, por riba de todas as cousas, a carón dos veciños.

Pola súa banda, Carmen Seijas tildou o día de “histórico” e amosou o seu agradecemento a Luis López “pola confianza e por todos os investimentos que trae da Deputación”, lembrando que sen estes fondos provinciais e os da Xunta, con mención expresa á reforma do colexio impulsada por Román Rodríguez, “Agolada estaría morta da man dun alcalde corrupto, que debería irse”.

Por elo, anunciou un traballo inxente “para recuperar a Alcaldía e que Agolada recobre a normalidade” e asegurou que o partido está “moi vivo, animado e cheo de ilusión” antes de poñer en valor o traballo de todos os ex concelleiros “para atender aos veciños como se merecen durante estas décadas e por acadar, coas súa xestión e labor, as infraestruturas e servizos cos que hoxe conta o Concello”.

O acto convocado polo PP de Agolada ateigou o auditorio para render unha merecida homenaxe a todos os concelleiros “co obxectivo de poñer en valor o seu gran traballo a prol do concello e da xente e de convidalos a sumarse ao proxecto de rexeneración e futuro que lidera Carmen Seijas de cara ao necesario cambio nas eleccións de 2027”.

Esta homenaxe comezou coa introdución de Jesús Sánchez, un militante de nova incorporación, e contou cun “salón de anécdotas” sobre as vivencias destes 46 anos de democracia en Agolada, vídeos de apoio do presidente Alfonso Rueda e doutros cargos do partido, como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o eurodeputado Adrián Vázquez, o secretario xeral da Lingua, Valentín García ou as alcaldesas Nidia Arévalo ou Nava Castro, a entrega de diplomas conmemorativos desta efeméride a todos os ex edís populares e unha foto de familia.

No acto estiveron presentes o coordinador comarcal do PP no Deza, o conselleiro Román Rodríguez, que tamén mandou unha mensaxe de apoio durante as intervencións; a secretaria xeral do PP Provincial, Luisa Piñeiro; e alcaldes, voceiros e concelleiros dos demais concellos da bisbarra do Deza.