Luis López amosa o “apoio absoluto” ao PP de Salceda polo intento de invisibilización desde o goberno local cunha foto trucada e esixe responsabilidades políticas á alcaldesa

Salceda de Caselas, 13 de novembro de 2025.-

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, amosou o seu “apoio absoluto e solidariedade” co voceiro dos populares salcedenses, Santi Davila, con todo o grupo municipal e coa agrupación local polo intento de invisibilización por parte do goberno local de Movemento Salceda ao empregar nas redes sociais oficiais do Concello unha fotografía trucada da que se eliminou ao propio Davila. Ademais, o tamén presidente da Deputación insistiu en que se trata dun “ataque político gravísimo” e esixiu a depuración e asunción de responsabilidades por parte da alcaldesa, Dolores Castiñeira.

López, acompañado pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, mantivo onte á noite unha reunión co voceiro municipal, con todos os concelleiros do grupo municipal e coas corenta persoas que conforman a xunta local do PP salcedense e lamentou esta circunstancia “totalmente antidemocrática” do goberno municipal “por tentar facer desaparecer a un grupo político lexítimo e que, ademais, é o favorito e máis representativo dos veciños” con case o 46% dos votos nas eleccións municipais e máis do 47% nas autonómicas. “Tentar invisibilizar a un partido político e unhas ideas, as que sexan, é lamentable e ten un nome”, sinalou o presidente provincial.

O líder do PP advertiulle ademais á alcaldesa e a Movemento Salceda que “están moi lonxe de agocharnos e de facernos calar ante a súa lamentable xestión coas súas actuación infantís, que só demostran que están a outra cousas e que non están preparados para gobernar como partido perdedor que son, porque aínda que non queiran imos seguir facendo o que sempre facemos e que o PP fai mellor ca ninguén, que é defender aos veciños”.

Luis López tamén lamentou que a alcaldesa e o goberno local “se agochen reiteradamente nas mentiras”, xa que faltaron á verdade coa fotografía trucada e tamén coas xustificacións indicando que se trataba dun erro “cando detrás desa montaxe hai tempo de traballo” e que se estaba investigando “cando leva un minuto coñecer a identidade da persoa que colgou esa imaxe nas redes sociais”.

Concentración de apoio

Ante esta situación de escurantismo e falta de explicacións por parte do goberno local, o PP vén de convocar unha concentración para este sábado 15 de novembro ás 11.00 horas na que que se amosará á súa oposición ás prácticas “antidemocráticas” do goberno salcedense por tentar invisibilizar unha forza política e na que se esixirá a identificación dos responsables deste ataque político. Está previsto que o acto teña tamén unha vertente de solidariedade con Santi Davila e co PP local e ao mesmo asistirán concelleiros populares de toda a provincia.

Precisamente, o propio Santi Davila, no encontro mantido onte á noite, agradeceu as infinitas mostras de apoio de centos de compañeiros e anunciou unha batería de medidas contra este “infantil e triste intento de invisibilización, porque cremos que isto é moi grave en democracia e non pode quedar impune e tamén queremos que a alcaldesa dea a cara de verdade asumindo a súa responsabilidade”.

“Queremos poñerlle couto a estas intencións da esquerda de agochar ao PP porque non sabe como frear o maioritario apoio que temos en Salceda e en toda a provincia”, concluiu Luis López.