Javier Bas propón un pacto global de todos os partidos para construír un auditorio de primeiro nivel que dea cobertura ás moitas actividades culturais de Redondela
Redondela, 19 de maio de 2026.- O voceiro municipal do PP de Redondela, Javier Bas, vén de propoñer un pacto global de todos os partidos e representantes públicos do concello para tratar de sacar adiante a construción dun auditorio de primeiro nivel e maior capacidade que dea cobertura axeitada ás moitas actividades culturais, que na actualidade carecen dun espazo cos medios técnicos precisos e co aforo propio para o cuatro concello da provincia.
O concelleiro do PP fixo esta reflexión tras a inauguración, o pasado venres, do novo auditorio de Marín e tras comprobar que O Porriño tamén está inmerso neste momento nunhas ambiciosas obras de ampliación do seu recinto, polo que lamentou que Redondela estea “quedando moi atrás” en infraestruturas socioculturais no marco dos dez concellos da provincia de máis de 20.000 habitantes.
Así, concretou que Vilagarcía ten un auditorio con 754 butacas, Cangas sitúase en 690, Marín xa ofrece 550, Ponteareas dispón de 500, Lalín alberga un auditorio e un teatro con 480 e 380 cadeiras, respectivamente, e A Estrada mantén 420, mentres que o espazo redondelán da Xunqueira está en apenas 278 “incluso por debaixo das 300 de Portas, que ten menos de 3.000 veciños, e das 500 de Valga”.
“Non é de recibo a situación que padecemos no eido sociocultural. Non pode ser que un municipio como Redondela non teña un auditorio que se poida chamar como tal mentres vemos que os demais concellos si apostan pola cultura e polos eventos e para iso dótanse de espazos en condicións”, aseverou o voceiro municipal, que ademais lembrou que esta situación de precariedade contrasta coas moitas actividades culturais promovidas por asociacións e colectivos, cercena a posibilidade de acoller propostas máis ambiciosas que enriquecerían aos redondeláns e impide que se potencien aínda máis cuestións internacionais de primeira orde, como é o caso do Festival de Títeres.
Neste senso, Javier Bas criticou que a alcaldesa, Digna Rivas, non fixese nin un só avance nos últimos sete anos para que Redondela dispoña dun auditorio de primeiro nivel, que podía levar aparelladas outras instalacións socioculturais, polo que avogou por un acordo integral e transversal de todos os grupos municipais. “Tendemos a man a prol da cultura para alcanzar un acordo que debe ser histórico para subsanar este déficit que temos agora mesmo e que se fai cada día máis patente se vemos o que pasa nos concellos da nosa contorna”, concluíu o edil.