Javier Bas anuncia un Plan de Acción Prioritaria para as parroquias desde 2027 tras reunirse coas asociacións de Vilar polos sete anos de “total abandono” do actual goberno
Redondela, 11 de xuño de 2026
O voceiro municipal do PP de Redondela, Javier Bas, vén de anunciar o deseño e execución dun Plan de Acción Prioritaria (PAP) para as parroquias a partires do próximo ano 2027 tras comprobar os sete anos de “absoluto abandono” das zonas rurais a mans do goberno de Digna Rivas. O concelleiro popular fixo hoxe este anuncio tras o encontro mantido onte á noite coas asociacións de Vilar de Infesta enmarcado na xira de reunións informativas e de traballo que está a manter con todos os colectivos e por todo o territorio.
Así, o edil do PP garantíu que a súa formación garante investimentos urxentes nas once parroquias rurais e que este plan vai ser incluído no programa electoral para acometelos na primeira metade do mandato se se produce un cambio de goberno municipal dentro de 346 días. “É preciso e de xustiza que se corrixa canto antes o déficit xerado nas parroquias durante os mandatos de Digna Rivas e nós temos o compromiso e a obriga moral de atender ao noso rural”, manifestou o voceiro, que engadíu que esta especie de plan de choque será complementario coas infraestruturas que precisan os cascos urbanos de Redondela e Chapela.
Bas, que agradeceu a acollida dos representantes de Vilar, a onde acudíu acompañado polo edil Miguel Álvarez, revelou que as necesidades das parroquias son “diferenciadas segundo a súa casuística, pero compartidas en moitas cuestións”, polo que, tras percorrer gran parte do municipio para recoller as súas solicitudes e suxestións, anunciou este Plan de Acción Prioritaria Parroquial como un dos principais compromisos do PP redondelán.
Respecto ao encontro en Vilar, Bas reuníuse cos representantes da Asociación de Veciños, da Asociación Cultural, da Comunidade de Montes e da Comunidade de Usuarios de Augas para abordar a titularidade do Miliario Romano na zona limítrofe con Mos, as afeccións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o estado das instalacións deportivas en referencia ao campo de fútbol ou a conectividade e mobilidade, entre outras cuestións que serán tidas en conta polo PP para o seu programa. Nesta xuntanza, os representantes de Vilar tamén lles fixeron entrega dun informe con todas as necesidades da parroquia.
“É tan certo que non podemos facer todo nun día polas limitacións orzamentarias e pola mala herdanza económica que vai quedar no Concello como que os veciños do rural teñen en nós a uns valedores e defensores das parroquias que queremos investir en condicións e preocuparnos polas súas necesidades”, concluíu Bas.