Isabel Couselo tilda de “insuficientes e tardías” as reparacións na estrada N-640 e insistirá na execución dun proxecto de reforma e modernización integral
Cuntis, 14 de marzo de 2026
A voceira municipal do PP de Cuntis, Isabel Couselo, vén de valorar positivamente a realización dun proxecto de pequenas reparacións na estrada N-640 ao seu paso polo concello, pero cre que ditas obras son “insuficientes e tardías”, polo que anunciou que a súa formación insistirá ante as administracións estatal e local na necesidade de executar, no prazo máis breve posible, o anunciado proxecto de reforma e modernización integral desta vía.
“O estado da N-640 en Cuntis é pésimo e presenta claras condicións de risco e perigo, xa que é das peores vías nacionais de toda a provincia de Pontevedra, polo que está claro que é mellor que se fagan estes pequenos arranxos a que non se faga nada, pero en todo caso só estamos a falar de parches que non resolven o problema, xa que nuns meses o firme volverá a estar en malas condicións, que xa foi o que pasou coa obra feita o ano pasado”, salientou a concelleira popular.
A edil do PP indicou que este novo proxecto de reparación é máis amplo que o realizado en 2025, “que é algo non moi complicado porque o anterior, de apenas 50.000 euros, foi pírrico, e porque, do contrario, sería vir a Cuntis a burlarse dos veciños”. Pero en todo caso, cre que os 650.000 euros que se adican á estrada nesta ocasión “revelan por si mesmos que non se acouta o problema desta vía cando o propio Goberno de España cifra en 12 millóns de euros a necesaria modernización da N-640”. “Isto está ben para saír do paso, pero nuns meses, a pouco que chova esta primavera ou o próximo outono, a estrada volverá a estar igual de mal que nos últimos anos”, aseverou.
A voceira municipal acusou ademais ao Ministerio de Transportes de falta de compromiso e de perder tempo e diñeiro, xa que lembrou que hai 13 meses, en febreiro de 2025, informou de que o proxecto de reforma integral para Cuntis xa estaba redactado, “polo que non entendemos que agora, que son necesarias estas reparacións, non se estea executado o que Cuntis merece e necesita”.
Ademais, amosou a súa desconfianza cos novos prazos dados polo Goberno de España, xa que lembrou que presentou un proxecto de 10 millóns de euros en 2023 e comprometeu a obra todos os anos desde aquela, “polo que levan tres exercicios de incumprimentos consecutivos e agora volven a repetir que desta vai, pero temos moitas dúbidas por motivos razoables”.
Finalmente, lamentou, ademais da falta de axilidade para o proxecto global, a perda de diñeiro que pode supoñer esta obra se, como aseguran, dentro duns meses faise a renovación completa da vía, xa que haberá que fresar esta nova capa asfáltica alomenos nas zonas de beirarrúas e bordos. En todo caso, recalcou que, desde o PP local, vaise seguir traballando sen descanso, coas reclamacións e as accións políticas necesarias, para que a obra se faga preferentemente antes do próximo verán.