Isabel Couselo revela que as familias pagarán 150 euros anuais máis de media por cada cativo matriculado na escola de música e que empregue o servizo de conciliación

Cuntis, 19 de setembro de 2025.

A voceira municipal do PP de Cuntis, Isabel Couselo, púxolle cifras á suba da tarifa de matrícula da escola de música e á creación dunha taxa de nova creación para o servizo de conciliación ‘Cuntilín’, aprobadas en pleno polo goberno local co rexeitamento dos populares, sinalando que as familias pagarán 150 euros máis de media por cada cativo que estea matriculado na formación musical e que empregue os programas de conciliación.

O PP tentou por todos os medios frear a xeralizada suba de impostos proposta polo alcalde socialista, Manuel Campos, xa que considera que o grave problema económico do Concello de Cuntis xurde exclusivamente da “xestión irresponsable” do goberno e, polo tanto, non se debe solucionar cargándolle o problema aos veciños. Ademais, estima que o arranxo das contas municipais non pasa por subir impostos, “senón por apostar pola contención do gasto superfluo, innecesario e desorbitado e por atender ao importante sen dilapidar centos de miles en euros en festas e celebracións”.

Malia o voto contrario dos populares, o incremento das taxas da escola de música nun 20% e a creación de tarifas para ‘Cuntilín’, que se sitúan 18,50 euros mensuais para a quenda de tarde e de 30 euros mensuais no verán, saíron adiante pola exclusiva responsabilidade da abstención do BNG, “que preferíu poñerse a carón do alcalde en vez de defender aos veciños”.

“O alcalde escudouse, para tratar de apaciguar o malestar que hai entre a xente, en que as cantidades que se van cobrar por estes dous servizos son cativas e asequibles, cousa da que discrepamos xa que cada neno que os use vai ter que abonar 150 euros anuais máis que ata a data, pero se o que di Manuel Campos é certo, preguntámonos porque non as deixa como esta. Se tan pouco lle repercute ao Concello non pode asumir ese suposto sobrecuste? Que ademais non existe, xa que estes cartos van ser para pagar as moitas débedas e facturas pendentes que ten”, manifestou a concelleira popular.

Por outra banda, Isabel Couselo felicitouse de que, polo menos, o posicionamento do PP servise para frear e revogar o intento -segundo nestes dous anos de mandato- do alcalde socialista de subir o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).

“Temos un sabor agridoce porque, se ben conseguimos tumbar o incremento da Contribución e dos vehículos, non fomos quen de facer o mesmo coa escola de música e co ‘Cuntilín’ pola alianza PSOE-BNG, pero seguiremos loitando polos veciños no que resta de mandato para que o alcalde, que vai volver a intentar subir estes tributos, reconduza a súa xestión e pague as débedas que xerou no Concello cos cartos que ten”, concluíu.