Isabel Couselo lamenta a falta de compromiso do Goberno de España coa reforma integral da N-640 e cre que pretende contentar a Cuntis co “insuficiente parcheo” destes días
Cuntis, 28 de marzo de 2026.-
A voceira municipal do PP de Cuntis, Isabel Couselo, vén de lamentar a absoluta falta de compromiso do Goberno de España coa reforma integral da estrada N-640 ao seu paso polo concello tras recibir a resposta emitida polo Executivo central á pregunta parlamentaria formulada polos deputados pontevedreses Pedro Puy, Irene Garrido e Juan Bayón tras a súa recente visita ao municipio para coñecer de primeira man o mal estado e as necesidades desta vía estatal.
Neste senso, a concelleira popular revelou que o Ministerio de Transportes limitouse a dicir na súa resposta –datada o pasado 18 de marzo– que as actuacións programadas consisten en rehabilitacións do firme entre os puntos quilométricos 190 e 222 incluíndo as travesías de Cuntis e A Estrada e, a maiores, dun xeito vago sinala que se actuará, cando o tempo o permita, na mellora das condicións de vialidade, algo que loxicamente non se refire a ningún proxecto completo e transversal.
“Desde logo esta non é a resposta que merece e agarda Cuntis, porque o que están facendo, que é pouca cousa para o pésimo estado da vía e limítase a uns arranxos parciais, xa o vemos e xa o sabemos. O que queremos é que nos digan cando se vai facer o arranxo integral orzamentado en 12 millóns de euros e aí, lamentablemente, deron a calada por resposta e esquecérono deliberadamente”, indicou, antes de advertir que o Goberno pretende contentar a Cuntis co “insuficiente parcheo” acometido estes últimos días.
“O subdelegado do Goberno e o alcalde Manuel Campos prometeron a modernización completa desta estrada nos anos 2023, 2024 e 2025 e incumpriron con Cuntis, porque parecen quedar satisfeitos con promesas para acalar o enorme descontento da xente. E este ano volveron a anunciar a mellora por cuarta vez, pero se a obvian nun documento oficial todo apunta a que, outra vez, van deixarnos sen a obra”, lamentou a concelleira do PP, que deixou claro que se o proxecto estivera listo para licitarse ou para comezar “ben seguro que figuraría na resposta parlamentaria tendo en conta o moito que lle gusta a propaganda, aínda que sexa falsa como de cotío, aos representantes socialistas”.
Finalmente, Isabel Couselo expresou o temor da veciñanza de Cuntis a que proxecto integral da N-640 quede adiado por cuarto ano consecutivo tanto pola intensidade coa que os cargos socialistas venderon os arranxos parciais de 650.000 euros como se fosen a solución “cando non son máis que un peche en falso do problema” como pola falta de compromisos e prazos na citada resposta parlamentaria. “O único que hai son as reiteradas falsidades do subdelegado do Goberno e do alcalde con datas que nunca se cumpren”, incidíu a voceira popular, que adiantou que o PP seguirá insistindo ata o que sexa necesario para que se acometa unha modernización integral da vía, que se atopa nun estado de evidente e grave perigosidade.