Pontevedra, 3 de agosto de 2017.- O voceiro do PP de Pontevedra, Ángel Moldes, critica que o Bipartito da Deputación non lles entregue copia do informe que desde a institución provincial trasladaron á Xunta de Galicia sobre o parque de bombeiros. “Non entendemos que no pleno presuman de que o goberno facilita a labor da oposición e días despois non nos contesten ao noso requirimento, máis cando o informe xa existe, xa está elaborado. Aquí non se poden excusar nos funcionarios, se queren, o documento está listo para entregar”.
O popular explica que “queremos ter acceso a ese informe porque alguén ten que dicir verdades e explicar en que situación quedarían os bombeiros co cambio de xestión”. Así, recorda que hai inquedanza en cales serían as consecuencias cun novo sistema de concesións, como por exemplo en que situación quedarían os traballadores, como quedarían as coberturas deses parques, e cal é a proposta da Deputación, se vai mellorar o servizo existente e cales van a ser os custos.
“Por todo isto parécenos moi curioso que oculten un documento polo que todos levamos esperando máis de ano e medio”. O motivo, sinala, é que “posiblemente o informe elaborado polos técnicos contradí moitas das cousas que a presidenta e os deputados do Goberno estiveron dicindo durante todo este tempo”.
Polo tanto, os deputados populares insisten en reclamar este informe de maneira urxente. “O documento existe e queremos unha copia”. Nesta liña, consideran que “é o mínimo, sobre todo tendo en conta que o Goberno provincial non convocou ningunha comisión con oposición e sindicatos para falar de todo isto”.