Pontevedra, 21 de xullo de 2017.- O presidente provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, compareceu esta mañá en rolda de prensa para confirmar o relevo de 4 deputados provinciais tras o pacto “entre compañeiros” realizado en 2015.
Os 4 cambios de deputados correspóndense cos partidos xudiciais de Tui, Ponteareas e Pontevedra. Polo Partido Xudicial de Ponteareas o relevo faise entre Julio Alén, ex alcalde de Mondariz e Belén Villar, concelleira de Ponteareas. Polo PX de Pontevedra quen deixa o escano é a alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro e entra o alcalde da Lama, Jorge Canda e dentro deste PX pero na comarca do Morrazo vaise o ex alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo e entra o voceiro do PP de Moaña, José Fervenza. Polo Partido Xudicial de Tui, deixa o escano a voceira actual do PP na Deputación e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e entra o voceiro do PP de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila.
O presidente provincial explicou que estaban pactados dous cambios máis, un no Partido Xudicial de Pontevedra entre o voceiro do PP na Deputación e do PP de Poio, Ángel Moldes e o voceiro do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira, cambio que non se vai realizar coa designación de Moreira como deputado autonómico. Outro relevo previsto afectáballe ao Partido Xudicial de Vigo, entre Jesús Váquez Almuíña e o alcalde de Redondela, Javier Bas, pero xa se produciu en 2015 co nomeamento do ex alcalde de Baiona como conselleiro de Sanidade.
Rueda doulle as grazas a todo o partido por darlle normalidade a un pacto de 2015 e a todos os deputados saíntes polo “seu traballo exemplar desde o primeiro día, sabendo que había un traballo de dous anos, asumindo o novo rol que lle tocaba asumir ao Partido Popular na provincia de Pontevedra a pesar de ser o grupo que gañou as eleccións e co maior número de deputados, souberon facer un traballo incansable e adaptarse perfectamente”.
Explicou que os cambios estaban previstos, acordados entre compañeiros e foi ademais unha práctica habitual no PP desta provincia en todas as lexislaturas. “Sabemos que son impensables e imposibles noutros partidos nos que os enfrontamentos son públicos e demostran unha vez máis que unha das fortalezas do PP é a súa unidade senón tamén que o PP é un partido de fiar no que a palabra vale tanto como un documento escrito.
Destacou “especialmente” o traballo de Nidia Arévalo “porque soubo liderar o grupo, tivo que aguantar ata o último día moitos desplantes e malas caras por parte do actual Goberno da Deputación e incluso pola súa presidenta. Actitudes que todos puidemos ver que non se corresponden con esas proclamas de goberno amable e goberno aberto pero Nidia Arévalo soubo facelo ben, non por ser muller utilizando a mesma terminoloxía que utilizaría a presidenta, senón por ser deputada, unha magnífica polític e persoa e por saber representar perfectamente ao Partido Popular na provincia de Pontevedra”.
Nesta liña explicou que “probablemente non se esperaría nunca este tipo de oposición leal e contrutiva, sabendo como funciona a Deputación e o que hai que defender aos concellos que representa”.
Deulle ademais a benvida aos novos deputados que tomarán posesión en setembro e dixo que o obxectivo eran as eleccións municipais, “non só gañar nos concellos da provincia senón volver ao Goberno da Deputación”.
O líder dos populares na provincia sinalou que noutros partidos, que nos teñen acostumados ás loitas internas, cálculos de poder e loitas personalistas, estes cambios non serían posible ou sería despois de un gran ruído interno, pero eu estou moi orgulloso de que o meu partido se centre no importante e de que todos sexamos un á hora de traballar e de que os cambios se fagan con total normalidade”.
Neste sentido se expresou tamén a deputada saínte, Nidia Arévalo, que dixo que “a foto de un partido unido reflicte a imaxe dun partido serio, porque o máis importante non é o cargo que un ocupa senón o que representa”.
“Fixemos un pacto hai dous anos e cumprímolo porque todos somos alcaldes, voceiros, e coñecedores das necesidades que ten esta provincia”.
Explicou que no balance se queda co traballo do Partido Popular, “co traballo de 12 persoas que nos entregamos a facer de voceiros de alcaldes, colectivos e persoas que ven unha total inxustiza na forma de gobernar do Bipartito desta Deputación”.
Tendeulle a man en nome de todos os deputados ás novas incorporacións e conluíu dicindo que seguirán traballando para que en 2019 o presida a Deputación de Pontevedra alguén do Partido Popular.