Di que o BNG cada vez da menos solucións aos problemas dos cidadáns cun proxecto que da claros sinais de esgotamento
Pontevedra, 27 de abril 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que a cidade de Pontevedra “merece algo máis ca ser o último bastión dun nacionalismo que está en total retroceso en toda Galicia, porque cada vez ofrece menos solucións aos problemas dos cidadáns”.
Trala xuntanza mantida co presidente e portavoz local do PP, Jacobo Moreira, e con membros do Grupo Municipal Popular, Tellado afirmou que en Pontevedra vemos un proxecto que da sinais claros de esgotamento, salientando que este concello “necesita un partido capaz de liderar unha alternativa que a ilusione, e que a faga recuperar o pulso en todos os ámbitos nos que hoxe se atopa rezagada” como é o Partido Popular.
Segundo o secretario xeral do PPdeG, a cidade precisa mudar un alcalde e un equipo que está en retirada, lembrando que Lores fixo un amago de dicir que non volvería a presentarse, “pero agora di que quere volver a facelo para ver se pode gañar en 2019”. Igualmente, recordou cando o alcalde necesitou que viñese Martiño Noriega a aprobarlle os orzamentos, a cambio dos votos do BNG para as Mareas en Compostela, “nun acto de mercadeo que pouco ten que ver cos intereses dos cidadáns”; sen esquecer que a semana pasada fixo unha crise de goberno para retirarlle competencias ao concelleiro Luís Bará que se foi ao Parlamento, “e agora que está en Santiago o único ao que se dedica é a defender os intereses de Abel Caballero e a Carmen Santos”.
“Cremos que Pontevedra é unha cidade aberta, dinámica, con enormes potencialidades que merecen ser aproveitadas. Por iso é unha mágoa vela hoxe condenada a ser a área urbana con máis paro de Galicia, e a ter un goberno municipal que é un inimigo declarado da actividade económica”, subliñou.
DENIGRAR A ACTIVIDADE POLÍTICA
O número dous dos populares galegos tamén amosou o seu disgusto pola decisión de Lores de participar nunha homenaxe a Fidel Castro como rexedor do municipio: “o señor Lores pode facer o que queira na súa fin de semana pero que o faga como responsable do BNG porque unha cidade como Pontevedra non merece que o seu alcalde se converta nun defensor de ditadores”.
Para concluír, Tellado tamén censurou as formas coas que onte Carmela Silva atacou á presidenta e voceira popular do PP de Vigo, Elena Muñoz, aseverando que cos seus termos “denigra a actividade política e demostra un estado de nerviosismo”. “Deberíamos desterrar o macarrismo da vida política” porque “estamos para respectarnos mutuamente e respectar aos que pensan distinto”.
PREOCUPACIÓN POLA SITUACIÓN ACTUAL
O presidente local do PP de Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, trasladoulle ao secretario xeral a súa preocupación pola situación actual de Pontevedra. “Sen novo PXOM, sen un só metro cadrado de solo industrial. Unha cidade hostil para a industria e con poucas perspectivas de crecemento económico”, destacou, “ao que hai que sumarlle a baixa implicación do BNG de Lores en materia social que nos orzamentos non chega nin a representar o 5%”.
Como exemplo recente da nefasta política social do BNG, lembrou que un ano despois de acordarse en Pleno, o Concello aínda non se adheriu ao Programa Vivendas Baleiras da Xunta. “Lores recoñeceu a pasada semana que o seu goberno non funcionaba, que non existía coordinación e que estaban paralizados, levamos dous anos perdidos e lamentablemente nada vai cambiar xa que se a banda soa mal, aínda que lles cambies os instrumentos aos músicos, seguirán soando mal”, dixo.