Pontevedra, 27 de abril de 2017.- O Partido Popular de Pontevedra pediu hoxe á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que deixe de ameazar e de increpar e ofreza unha explicación clara e contundente do suposto enchufe da súa cuñada. O deputado provincial Luis Aragunde destacou que “son delitos moi graves e os cidadáns aínda están esperando unha aclaración, pero lonxe diso, a saída de Carmela Silva é descualificar e ameazar cando se lle pregunta por este tema”.
Para o popular, “con esta actitude o único que amosa é que está intranquila por este tema. Cando a súa única reacción e resposta é o ataque, está claro que está moi preocupada”. Nesta liña, lamentou que a súa resposta fose atacar á voceira do PP de Vigo, Elena Muñoz. “Pedímolles que sexan transparentes, claros e que dean explicacións da súa mala xestión”, engadiu.
Luis Aragunde chama a atención sobre que en cada pleno os deputados socialistas, maioritariamente concelleiros de Vigo, pretenden dar clases de ética e moral ao resto, cando case a metade do Goberno municipal de Vigo, algúns deles deputados, están imputados. “Polo tanto, non imos consentir que nos dean nin lección nin ataque aos compañeiros que lles esixen explicacións”.