Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Luis Aragunde critica que o Bipartito paralice a obra de Baión dous anos despois e sen buscar unha solución co Goberno local

    • Gonzalo Durán anuncia que “desde Vilanova imos tomar todas as medidas legais para impedir que lle quiten aos veciños de Baión un investimento de 1,7 millóns de euros”.

     

    Vilanova, 07 de abril de 2017.- O Partido Popular denunciou esta mañá a paralización do proxecto de ensanche e mellora da estrada EP 9701, entre Baión e András, en Vilanova de Arousa, e o fixo coa colocación de un cartel que “evidencia a parálise total do Bipartito da Deputación”, sinalaron desde o grupo provincial.

    O deputado do Salnés, Luis Aragunde, acusou ao Goberno provincial de estar paralizando toda a provincia, incluída a comarca do Salnés, e denunciou que, ademais, o están facendo de costas aos alcaldes, sen diálogo e sen ningún tipo de explicación. “Despois de case dous anos, cando o proxecto xa tiña que estar rematado, presentan agora uns informes con uns criterios moi cuestionables para paralizar a obra. E o peor de todo, é que a paralizan sen falar co alcalde”, criticou. Para Aragunde, o normal neste caso sería reunirse co goberno local, expoñer se existe algún problema e intentar solucionalo. 

    Con este cartel, os populares quixeron “simbolizar” o que era antes a Deputación de Pontevedra, e no que se ten convertido na actualidade. Para os populares a comparativa está clara, antes a Deputación de Pontevedra colocaba nos concellos da comarca carteis de obra financiada ou obra rematada, e agora con este Bipartito cólganse carteis de obra paralizada. “Van alá dous anos e O Salnés sufriu unha parálise total. De toda a actividade que había nesta comarca, hoxe a Deputación ten só proxectos parados e nin unha soa iniciativa”, apuntou o deputado provincial. Pola contra, sinalou, “temos que ver como só hai convenios e investimentos para Pontevedra e con Vigo, a pesar de que o obxectivo das Deputacións é colaborar cos concellos máis pequenos”. 

    O alcalde, Gonzalo Durán, recordou que, pese a estar contratada a obra desde o verán de 2015, non comezaron as obras. “É unha decisión política”, sinalou, xa que o informe non o presentaron ata agora. Ademais, cuestiona as razóns coas que intentan xustificar a paralización da obra, porque “hai xa terreos cedidos e hai tamén informe de impacto ambiental”. Outras das cuestións que critica é que o documento non está asinado polo director da obra, senón por un técnico recentemente chegado á institución provincial.

    “Como non se está cumprindo coa lei, desde Vilanova imos tomar todas as medidas legais para impedir que lle quiten aos veciños de Baión un investimento de 1,7 millóns de euros”, engadiu o alcalde. Ademais, pediu que se aclare “a onde vai o diñeiro que saen das obras de Baión”.

    Pola súa parte, a voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, esixiu ao Bipartito da Deputación “que se poñan a gobernar e traballar, porque estamos na metade de mandato e teñen a provincia paralizada”. E recordou que os principais prexudicados son os cidadáns.