Poio, 6 de abril de 2017. O Partido Popular de Poio quere preguntar ao goberno local se os veciños de Poio «están a financiar a recollida de lixo noutros concellos» e se ese é o motivo de que paguen máis que o resto de habitantes da provincia.
O concelleiro Cándido Muíños anunciou esta pregunta, e cuestionou «o auténtico motivo» detrás do elevado prezo que pagan os poienses polo servizo de recollida de lixo que, recordou, é o máis alto da provincia de media: «Queremos que o Concello explique se o que encarece o recibo do lixo puidera ser que hai traballadores e vehículos adscritos a Poio en exclusiva pero que realmente prestan servizo noutros concellos».
Sobre a utilización noutros municipios de medios correspondentes a Poio, Muíños indicou que de confirmarse «sería algo gravísimo» pero tamén que «explicaría o elevadísimo recibo que pagamos os poienses».
O concelleiro popular recordou que os 121,68 euros aboados polos veciños de Poio duplican ou mesmo triplican o que pagan os habitantes de moitos concellos da provincia, pese a que nas zonas rurais de Poio a recollida pasa só 3 veces á semana co mesmo custo: «En Poio non só pagamos máis ca o resto de concellos, senón que temos veciños de primeira e segunda categoría».
Muíños recordou que os 122 € que se pagan en Poio representan o recibo máis alto da provincia, posto que só en Pontevedra cidade algúns dos seus veciños pagan máis, «coa particularidade de que nas zonas rurais o prezo é a metade que o de Poio». Así, confirmou Muíños, «un veciño de Poio que lle pasan a recoller 3 días á semana está a pagar máis que un veciño de Pontevedra, Marín, Vilagarcía, Vigo, Sanxenxo, Lalín... é un abuso intolerable».
Precisamente ó elevado prezo do recibo en proporción coa pouca frecuencia da recollida no rural, e a posible utilización dos medios adscritos a Poio noutros concellos levou a Muíños a preguntar se ambas as circunstancias están relacionadas: «Tal vez que só se recolla o lixo 3 días sexa precisamente porque hai persoal e vehículos que pagan os veciños de Poio e que deberían estar dando servizo e recollendo o lixo en Poio pero realmente están utilizándose noutros concellos».