Poio, 31 de marzo de 2017.- O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, lamenta que os nacionalistas dedicaran a primeira oportunidade que tiveron para explicar a imputación do presidente do BNG de Poio e concelleiro de Turismo, José Luis Martínez, «a mentir e a cargar contra o PP, cando non é o PP o que impunta ou investiga a ninguén, senón a Xustiza».
«A principal diferencia entre a comparecencia do BNG e do PP é que nós podemos avalar e demostrar con documentos e informes técnicos todo o que dicirmos», aclarou Moldes.
«O PP non quere nin pode ser cómplice dun presunto delito e dunhas prácticas aparentemente ilegais que advirten os técnicos. Os técnicos municipais son os que informan de que e na Festa do Mar de 2014 había un procedemento de contratación e de repente e sen xustificación hai unha orde do concelleiro de turismo de paralizar ese procedemento e presenta un documento cuns productos e uns prezos que, teóricamente tiñan que estar aprobados en comisión de goberno e que non se corresponden coa realidade nin se axustan aos procedementos legais».
«Como mostra, o concelleiro de turismo di que na Festa do Mar de 2014 vanse vender 3 produtos e aparecen con máis de 40. Cando os técnicos preguntan polos ingresos, o concelleiro non sabe responder de onde saíron. Cando preguntan como pagaron os gastos se non había crédito dispoñible, tampouco», explicou Moldes. «Nos informes que nos remitiron o tesoureiro, a secretaria, a técnica de contratación deixaban claros que na xestión da Festa do Mar estábase a incumprir absolutamente todo. Nada se estaba a facer conforme a lei e aos procedementos taxados e ignorábase todas as advertencias dos funcionarios».
«Como é lóxico, cando nós recibimos toda esa documentación, ante a sospeita lóxica de que aí se podía estar a cometer un delito nós a poñemos en coñecemento da xustiza porque doutra maneira seríamos encubridores ou cómplices», dixo Moldes.
Segun o voceiro popular o principal problema é que o BNG despois de 22 anos pensa que o Concello é unha finca privada onde non están obrigados a facer caso aos funcionarios nin á oposición, que non están sometidos á lei e poden facer o que lle veña en gana», dixo Moldes, «e agora atopámonos con este problema».
APOIO Á FESTA DO MAR
«Non estamos en contra da Festa do mar e unha mostra é que apoioamos as partidas para o Encontro de Embarcacións Tradicionais, do que estamos en contra é da xestión do BNG chea de irregularidades, unha xestión na que un xuíz atopa incidicios de unha posible prevaricación, e dunha xestión na que hai un presuposto de máis de 200.000 € e nin sequera cubre o custe do produto»
Se o Goberno local defende ao sector do mar que poña a disposición os terreos para a depuradora e se di que defende ao sector da hostalería que faga o que ten que facer para que non se pechen as praias do noso concello”.
ALCALDE CÓMPLICE
«Entendemos ademais que, de confirmarse as acusacións, o alcalde sería tan culpable como o concelleiro de turismo, por permitir todo isto», indicou Moldes: «Conforme nós vemos os informes, o alcalde ve os informes; conforme nós denunciamos o alcalde cala e outorga, porque ademais son prácticas que seguen dándose. E se había indicios de delito en 2014 seguirá habéndoos hoxe, e isto é unha mostra de prepotencia».
Moldes puxo de exemplo a denuncia do PP dunha factura duplicada na última edición da Festa do Mar, «cando Martínez xa fora advertido polo xuíz de que probablemente o investigaría. Este ano aparecen dúas facturas correlativas, presentadas o mesmo día pola mesma empresa e cun concepto case idéntico por 17.000 € e 14.000 € respectivamente, e nós pedimos un informe a contratación advertindo que estas facturas poden ser un caso de fraccionamento ilícito».
«Cando os técnicos confirman que non houbo procedemento ningún de contratación, o propio concelleiro manda unha carta á empresa para que devolvan as facturas, e o que un día costaba 30.000 euros pasa a custar 15.000 euros ao día seguinte», -explica Moldes-, «é tanta a súa prepotencia que aínda que saben que a súa xestión da Festa do Mar leva no xulgado 3 anos, rinse dos técnicos e seguen a facer o que lles dá a gana».
PRESUNTO DELITO, NON FALTA ADMINISTRATIVA
Outra mentira do BNG é que se trata de unha falta administrativa, cando a realidade é que o están a investigar por un presunto delito de prevaricación que é bastante máis serio. “A súa prepotencia failles na rolda de prensa de onte: que o estaban a investigar por “unhas faltas administrativas”. José Luis Martínez está a ser investigado por un delito, porque a prevaricación é un delito e por iso está no Xulgado de Instrución, aclarou Moldes. «Trátase dunha presunta prevaricación, que é algo máis serio”.
Moldes negou as insinuacións do BNG de que con este asunto o PP «estaba buscando votos» ao que respondeu que ata a propia concelleira non adscrita que ata hai pouco a nº 2 do BNG recoñeceu que despois de 22 anos o goberno de Poio necesitaba unha renovación urxente e un cambio polas formas de actuar, “isto non o di o PP, dio alguén que estaba no goberno ata hai uns meses».
ANA PONTÓN
Para rematar, Moldes pediu ao BNG ao completo «que reflexione, que non minta e que deixe de actuar como se o concello fose a súa casa» e advertíulles que «non están por riba da lei», e aproveitou para dicirlles que o PP de Poio nunca actuará coma o BNG noutras ocasións.
«O que nunca vai facer o PP é o que fixo a presidenta do BNG Ana Pontón cos concelleiros do PP de Santiago, aos que despois de ser imputados non se lles concedeu un mínimo respecto nin se respectou a súa presunción de inocencia, pese a que despois a causa foi sobreseída», advertíu Moldes: «Non todos somos iguais. O PP non vai entrar en campañas coma as súas. Que invistan o tempo en buscar unha boa defensa, aclarar todo e que teñan toda a sorte posible».
Pese a todo, Moldes pregunta á presidenta do BNG «que vara de medir vai usar e que lle vai pedir ao presidente do BNG de Poio, que é o concelleiro imputado ¿Vaille pedir a demisión como aos concelleiros do PP de Santiago? ¿Vai ir con pancartas o día que vaia a declarar José Luis Martínez e o chamará corrupto ás portas do xulgado?»