Declaracións do portavoz popular tras a xunta de Portavoces,
Pontevedra 14, febreiro, 2017.- “Somos o Grupo municipal que máis traballa con e polos veciños de Pontevedra, estamos a pé de rúa escoitando os problemas dos pontevedreses e iso se reflicte no número de mocións que presentaremos no vindeiro Pleno municipal”, declarou este martes o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, ao remate da xunta de Portavoces.
Así, en materia de melloras urbanas, os populares solicitan neste mes de febreiro un plan de actuación integral no barrio de A Seca e outro na zona de Campolongo, a construción dun parque infantil nos terreos do falso túnel en Médico Ballina e o arranxo das deficiencias que presenta o pavillón de Cabanas – Salcedo. O Grupo Popular solicita tamén que se inclúa un blog relativo a materia deportiva na web do Concello, “para que os cidadáns unha vez extinguido o IMD poidan ter acceso de xeito sinxelo á información desta área”, destacou o edil popular.
PAZO LOURIZÁN
“Estamos agardando aínda a explicación do señor Mosquera sobre o cambio de opinión do BNG con respecto ao Pazo de Lourizán”, sinalou hoxe Jacobo Moreira, “hai uns días, cando xa se sabía que Ence estaba detrás deste proxecto, o señor Mosquera dixo que a Deputación non poría impedimentos para que se rehabilitase o Pazo de Lourizán, e agora resulta que si”.
Jacobo Moreira non entende “este cambio de opinión diante da presidenta da Deputación contra Pontevedra”. “Resulta incrible que se soliciten cartos para rehabilitar o pazo de Lourizán, que a Xunta de Galicia logre que por primeira vez Ence apoie investimentos para os veciños de Pontevedra, e que agora, cando eses cartos están enriba da mesa se diga que non”, manifestou. O portavoz popular amosou a súa preocupación xa que “se está a falar ben pouco do punto fundamental que é a rehabilitación deste inmoble para albergar un centro de I+D en materia forestal, que en ningún caso perdería a súa titularidade pública”.
“A Xunta de Galicia se comprometeu a buscar beneficios para a sociedade pontevedresa, logrounos e agora unha institución e dous partidos políticos, por cuestións políticas, poden poñer en perigo que se faga ese investimento”, engadiu. “As hemerotecas non ofrecen lugar a dúbidas. Mosquera deu marcha atrás. Que se diga que non a un investimento de 10 millóns de euros merece unha explicación”, sentenciou.