Campo Lameiro, 09 de febreiro de 2017.- Os deputados do grupo provincial do Partido Popular visitaron en Campo Lameiro a estrada provincial que une a aldea de Armonda coa parroquia de Couso para denunciar o abandono e a falta de desbroce que hai tanto nesta como na maior parte das estradas provinciais da comarca. As deputadas Luisa Piñeiro e Belén Cachafeiro, que acompañaron ao alcalde do concello, Julio Sayáns, denunciaron que levan sen limpar nin desbrozar esta estrada provincial desde xullo de 2015.
Por iso, esixen ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra e á súa presidenta, Carmela Silva, que dunha vez por todas poñan o Parque de Maquinarias a funcionar a pleno rendemento para dar solución aos problemas e ao estado no que se atopan as vías da provincia.
“As estradas provinciais nunca estiveron tan pouco atendidas, hai unha parálise total”, denuncian as deputadas, que preguntan onde están as máquinas da Deputación.
Nesta liña, pide que “tomen en serio aos concellos do rural e do interior da provincia. A maleza invade as vías, co perigo que supón para a circulación e, sobre todo, para os peóns”. Os populares salientan que a estrada de Armonda a Couso é un claro exemplo de como se atopan as estradas da provincia. “Están nun estado pésimo, parece que non lles preocupa os prexuízos e danos que poden ocasionar, principalmente na seguridade dos usuarios”, critican. Recordan, ademais, que moitos dos alcaldes, e incluso algúns veciños, están asumindo as tarefas de desbroce nos puntos máis conflitivos.