Pontecesures, 4 de febreiro de 2017.- O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage foi elixido presidente do Partido Popular por aclamación no V Congreso celebrado esta tarde no Centro Social.
Vidal Seage recordou os seus comezos en 2011 no Partido Popular, no que se presentaron 7 candidaturas ás municipais e deses partidos 4 eran escisións do PP.
"Hoxe coa perspectiva que dá o tempo gobernamos en perfecta sintonía 3 daquelas 4 forzas, e ese é o camiño, aglutinar as forzas de centro dereita e traballar todos unidos, porque na unidade está a nosa fortaleza".
Alberto Pazos, secretario de organización do PPdeG asegurou que vai haber un antes e un despois do congreso do PP, no que hai un só candidato porque é o líder indiscutible, o que foi capaz de aglutinar un equipo sólido en torno a unhas mesmas ideas. Hoxe este congreso serve para recoñecer o teu labor, pero tamén para animarte a que recuperes para Pontecesures o tempo perdido.
O presidente provincial, Alfonso Rueda, pediulle ao recén elixido presidente local que lle ofreza aos veciños de Pontecesures o mellor para conseguir os mesmos resultados nas próximas eleccións municipais que se conseguiron en autonómicas onde o PP obtivo un 54% dos votos.
Cando o PP colle os gobernos faino ben, e de aí o empeño en non deixar gobernar, o goberno local de Pontecesures está consolidado e estano facendo moi ben, ese é o camiño para obter os mellores resultados.
A presidenta do Congreso dos deputados, Ana Pastor, achegouse tamén para respaldar a Juan Manuel Vidal Seage. "Hai que recordar que o PP gañou as eleccións en Pontecesures e por iso está gobernando".
Pilar Rojo, o alcalde de Valga, Bello Maneiro, ou a alcaldesa de Cuntis quixeron tamén arroupar ao novo executivo do PP local.