Poio, 4 de febreiro de 2017.- O PP lamentou hoxe que o bipartito aínda non respondese á pregunta que planteou hai 10 días sobre os impagos a clubes, asociacións, e deportistas individuais correspondentes a 2016, nin sobre o estado dos pagamentos aos monitores.
O concelleiro Cándido Muíños recordou que o pasado 25 de xaneiro os populares presentaron un escrito no rexistro do concello solicitando información sobre subvencións, axudas e outras achegas por actividades deportivas correspondentes a 2016 e que aínda non fosen aboadas ós seus respectivos beneficiarios.
Ante a falta de resposta, os populares repetiron a pregunta de viva voz durante o pleno do martes, e a concelleira «botou balóns fóra, dicindo que daría unha resposta durante o Consello Municipal de Deportes», apuntou Muíños, responsable de Deportes do PP: «A verdade é que nos sorprende que non sexan capaces de dar unha resposta rápida a unha pregunta tan sinxela».
En opinión de Muíños, «este silencio da concelleira confirma as nosas sospeitas de que hai axudas e subvencións que non se pagaron e que quedan monitores sen cobrar». Retrasar a contestación ata a próxima reunión do Consello Municipal de Deportes «forma parte da mesma estratexia que utiliza este goberno para todo: intentar gañar tempo».
Muíños indicou que é o propio goberno local o que ten a potestade de convocar o Consello Municipal de Deportes, e afirmou que «o que buscan é gañar tempo para intentar saldar parte das débedas que teñen cos deportistas de Poio».
Muíños lamentou que o bipartito teña unha actitude tan pouco considerada coas asociacións e clubes de Poio, «especialmente con entidades que teñen deporte de base, que desenvolven as súas actividades durante todo o ano, e que dependen en moitos casos da seriedade do Concello» para funcionar: «Hai clubes e deportistas que levan o nome de Poio en competicións nacionais e internacionais e pagan desprazamentos, equipamento, gastos de competicións... Se desde o goberno local non hai seriedade nos pagos e hai débedas de exercicios anteriores, estanlle a poñer as cousas moi difíciles»
«A prioridade do Concello debe ser garantizar a supervivencia e a continuidade das entidades que fan actividades deportivas todo o ano», dixo Muíños.
Muíños fixo unha reflexión parecida sobre os pagos a monitores das escolas deportivas «que fan un traballo excelente coa canteira e os rapaces do concello: Non poden estar meses sen cobrar sen que iso afecte ó deporte de base de Poio».