Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Nidia Arévalo recórdalle á presidenta da Deputación do fracaso da ruta que presentou en Fitur en 2016

    • Sinala que “o que se espera da Deputación son resultados, contactos, reunións… Unha promoción da provincia real, e non unha promoción dela  mesma”.
    • “A realidade é que non tiñan nada que presentar, e por iso apostaron polo camiño que tanto bloquearon desde Vigo”.
    • Os populares presentan unha moción mañá no pleno para reclamar ao bipartito compromisos co sector turístico.

     

    Pontevedra, 26 de xaneiro de 2017.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia que o bipartito da Deputación de Pontevedra carece de unha estratexia clara e definida para o turismo desta provincia, e o único que se percibe é unha “improvisación constante”. A súa voceira, Nidia Arévalo, considera que unha das mostras máis claras foi o seu paso por Fitur. “Estar nesa feira non é unha elección para esta provincia, é unha obriga e unha responsabilidade. Pero a presidenta non foi á feira cunha estratexia clara e planificada, e por segundo ano consecutivo asistiu para intentar salvar os papeis”, critica.

    “As fotos están moi ben, os vídeos, as aplicacións de promoción son necesarias, pero o que se espera da Deputación en Fitur non é unha foto da presidenta, nin que diga ao día seguinte o ben que estivo a súa presentación ou que vaia estreitar lazos e amosar o seu apoio como socialista a Susana Díaz. O que se esperan son resultados, contactos, reunións… Unha promoción da provincia real e non unha promoción dela mesma”.

    Nidia Arévalo recórdalle á presidenta do fracaso da ruta que presentou en Fitur en 2016, e pregunta se o Camiño pola Costa vai ter o mesmo fin. “Alguén se acorda desta ruta? Cantos visitantes a seguiron? Cantos turistas visitaron estes edificios? Foron a Madrid, presentaron a ruta de camiños arquitectónicos, e ao regresar esquecéronse dela por completo, tanto que nin sequera está incluída na páxina web de Turismo Rías Baixas”.

    A voceira teme que “isto sexa o mesmo que vai acontecer con esta proposta, porque a realidade é que chegaba Fitur e non tiñan nada que presentar, e apostaron polo camiño que tanto están bloqueando desde Vigo”. Neste senso, recorda que o alcalde desta cidade “sempre ignorou este camiño, e de feito, ningún tramo da ruta que pasa por Vigo están sinalizada nin conta con servizos. É máis, a Xunta estase ofrecendo para sinalizar o camiño Portugués e o único alcalde que non contesta é o de Vigo”.

    MOCIÓN AO PLENO

    Nidia Arévalo salienta que a día de hoxe o bipartito segue recollendo os froitos de todo o traballo que en materia de turismo fixo o anterior goberno provincial, e que “a súa inoperancia” en materia turística está totalmente tapada pola acción da Xunta de Galicia e polas iniciativas do propio sector.

    “Pero o turismo desta provincia necesita máis, precisa de unha estratexia clara e de un apoio decidido desta institución, e non basta con dicilo, hai que facelo”. Por iso, no pleno de mañá o grupo provincial do PP defenderá unha moción para pedir ao bipartito que potencie o turismo como un dos eixos fundamentais da economía da provincia e da labor que debe levar a cabo a institución provincial. Ademais, propoñen que retomen as xuntanzas cos representantes e membros do sector turístico, “non para vender fume, como fixeron hai uns meses para presentar un plan que non existía, senón para que poidan plantexar as súas ideas e propostas para mellorar o sector”.