Nidia Arévalo esíxelle a Carmela Silva valentía para defender de verdade o CIM de Ponte Caldelas

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Nidia Arévalo esíxelle a Carmela Silva valentía para defender de verdade o CIM de Ponte Caldelas

    • Entende que o papel da presidenta da Deputación é fundamental, e recorda que o alcalde xa ten demostrado que “está ás súas ordes, é o seu lacaio, e o utiliza para o que lle interesa”.
    • Ángel Moldes pide aos socialistas “que reflexionen, porque se equivocaron e teñen que recoñecelo. Foi unha decisión irresponsable, que deixou ás usuarias sen unha protección integral, xurídica e psicolóxica”.

     

    Pontevedra, 10 de xaneiro de 2017.- A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, pediu esta mañá á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valentía para defender de verdade e con contundencia o CIM de Ponte Caldelas. Nunha rolda de prensa, na que estivo acompañada polos deputados provinciais Ángel Moldes e Luisa Piñeiro, a voceira popular anunciou que defenderán unha moción no próximo pleno provincial para pedir a reapertura deste centro.

    Nidia Arévalo entende que o papel da presidenta con respecto a este tema pode ser fundamental, e nese sentido recordou que “este alcalde xa demostrou que está ás súas ordes, que é o seu lacaio, o utiliza para o que lle interesa, como por exemplo para intentar facer unha reunión de alcaldes contra o PP” e por ese motivo os populares piden a Carmela Silva que lle obrigue, neste caso tamén, a volver a abrir o CIM.

    “Falta valentía, cando aparece un problema no partido socialista, un alcalde ou a presidenta da Deputación, en lugar de resolvelo, mira cara outro lado, tira balóns fóra e resulta que a culpa é do Partido Popular”, criticou Nidia Arévalo. “Estamos falando claro e dicindo que non se pode pechar un centro fundamental para este concello, que se equivocaron de pleno con esta decisión”, engadiu.

    Ademais, Nidia Arévalo tamén comentou que aos populares lles parecía “moi grave que Carmela Silva non fixera ningunha declaración, que non fixera nada por intentar manter este centro. Unha presidenta que tanto presume de estar ao lado das mulleres que necesitan protección, de estar facendo políticas a favor das mulleres vítimas de violencia de xénero e nun caso coma este garda silencio e incluso o xustifica”.

    A voceira popular di que ao PP non lle vale a contestación de que hai unha persoa contratada, porque explica que o que hai agora mesmo é unha asesora xurídica que atende só un día, cinco horas á semana, mentres que co CIM había unha asesoría xurídica que atendía 27,5 horas semanais e unha psicóloga que atendía once horas á semana. “Isto lle vale a Carmela Silva? Isto lle vale ao alcalde de Ponte Caldelas? Pois a nós non nos vale”, criticou.

    Arévalo salientou tamén o papel destes centros, xa que como alcaldesa di coñecer “como e o ben que funcionan, cal é a realidade das mulleres que acoden a eles e, polo tanto, o necesarios que son para os concellos”. Por iso, critica con contundencia a decisión do alcalde, pero tamén o “silencio cómplice” da presidenta da Deputación de Pontevedra.

    DESCUALIFICACIÓNS EN LUGAR DE SOLUCIÓNS

    Ademais, a voceira do grupo provincial lamentou as declaracións que fixo Carmela Silva, xa que “non é quen de dicirlle aos populares que somos noxentos no uso da igualdade”, e critica que cando non é capaz de resolver os problemas sempre intenta ir ás descualificacións. É máis, entende que “nunca noxento debería ir ao lado da igualdade, igualdade é o que temos que defender todos e non consentir que ningún concello recorte as medidas de apoio ás vítimas de violencia machista”.

    Nidia Arévalo tamén se referiu á fotografía da visita de Alfonso Rueda á Lama. “Se Carmela Silva quere falar de fotos, falamos, e eu convídoa a que mire a foto da primeira xuntanza do alcalde de Ponte Caldelas coa nova asesora xurídica, onde hai cinco homes e dúas mulleres, ou que se fixe na composición do goberno dese mesmo concello, no que dos 7 concelleiros só unha é muller”.

    Pola súa parte, o voceiro Ángel Moldes defendeu que na procura da igualdade e na loita contra a violencia machista, os homes tamén deben involucrarse, teñen as mesmas obrigas e é unha labor conxunta, de mulleres e de homes, loitar contra esa lacra.

    Ademais, pediu aos socialistas “que reflexionen, porque se equivocaron e teñen que recoñecelo. Foi unha decisión irresponsable, e non valen as xustificacións nin en termos laborais nin económicos, porque todo iso ten solución. O importante é que as usuarios do CIM quedaron se unha protección integral, xurídica e psicolóxica, e hoxe as veciñas de Ponte Caldelas perderon un servizo fundamental”.