Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pedirá no Parlamento que a Xunta medie para evitar o desmantelamento do CIM de Ponte Caldelas

    • Ricardo Castro lamenta que queiran substituír un centro de atención integral á muller, con avogada e psicóloga que atenden diariamente, por un asesor legal unhas horas á semana.
    • “Este peche é unha decisión moi grave para esta provincia, que atenta contra as mulleres que están na situación máis vulnerable e que sofren violencia de xénero en calquera das súas formas”, lamenta Marián García.
    • Critican o silencio da presidenta da Deputación de Pontevedra sobre este tema, “sorprende que estea de brazos cruzados e non diga nada co que está ocorrendo neste concello”.

     

    Pontevedra, 30 de decembro de 2016.- O Partido Popular de Ponte Caldelas lamentou esta mañá que a partir das tres desta tarde o Centro de Información á Muller municipal quedará desmantelado e as máis de cen persoas que atenderon durante este ano sen asistencia a partir do luns. O voceiro local do PP, Ricardo Castro, considera que “é unha absoluta falta de respecto cara as mulleres de Ponte Caldelas dicir que se vai manter este servizo, cando o que realmente está facendo o tripartito é desmantelar un centro de atención integral, con avogada e psicóloga que atenden diariamente, e substituílo polo asesor legal do alcalde, que vai atender só unhas horas á semana”.

    “Desmantelan un servizo público, con profesionais de prestixo cuxa labor era moi valorada entre os usuarios, que era a envidia de todos os concellos da comarca e, por desgraza, aínda tan necesario”, denunciou o popular durante a rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede do PP provincial acompañado pola deputada autonómica Marián García, e na que se comprometeron “a traballar por todos os medios para que o tripartito de Ponte Caldelas teña que dar marcha atrás nesta medida, que prexudica a toda a cidadanía do concello, e especialmente ás mulleres”.

    Unha das medidas que anunciaron é que presentarán unha proposición non de lei no Parlamento galego para solicitar á Xunta de Galicia que medie co Concello de Ponte Caldelas e que faga un chamamento para que non se peche o CIM. Marián García considera que “este peche é unha decisión moi grave para esta provincia, que atenta contra as mulleres que están na situación máis vulnerable e que sofren violencia de xénero en calquera das súas formas”.

    Recordou a deputada autonómica que actualmente hai 81 Centros de Información á Muller en toda Galicia, “e que na nosa provincia haxa un concello que prescinda del é algo de extrema gravidade. Deberían darse pasos cara adiante, e nunca para atrás”. Marián García tamén criticou o silencio da presidenta da Deputación, Carmela Silva, sobre este asunto. “É da mesma cor política que o alcalde de Ponte Caldelas, e sorprende que estea de brazos cruzados e non diga nada co que está ocorrendo neste concello. Éncheselle a boca falando de feminismo, do papel e dos dereitos da muller, e agora mesmo non sabemos que é o que pensa sobre o desmantelamento deste CIM”.

    MENTIRAS COMO ESCUSAS

    Ademais, Ricardo Castro aclarou “todas as mentiras que o alcalde de Ponte Caldelas ofreceu para intentar xustificar o inxustificable”. Neste senso, dixo que “é falso que o custe do servizo sexa 60.000 euros. Son 30.692,40 euros, e a maior parte desta cantidade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade”.

    O popular considera que, si o motivo que leva a Andrés Díaz a suprimir este servizo é económico, o que debe facer é priorizar o gasto, e critica que elimine o CIM mentres gasta 19.000 euros nun gabinete de prensa, 17.200 euros nunha empresa para que organice excursións, aumenta o orzamento de festas case un 100% e nos últimos días dedícase a repartir 3.000 calendarios polo concello. “Debe de ser que para este goberno son máis prioritarias as festas, as excursións e a propaganda que a atención integral ás mulleres”, critica o popular.

    Con respecto á situación laboral das traballadoras do CIM, Ricardo Castro explicou que “a demanda de unha mellora da situación laboral por parte de traballadores deuse noutros concellos de Galicia, e ningún concello suprimiu o servizo por este motivo. Só Andrés Díaz tivo a desfachatez de suprimir o Centro de Información á Muller”.

    Tamén negaron desde o PP local as supostas irregularidades nos contratos do persoal do CIM, e sinalaron que o contrato de asistencia técnica é o mesmo que ten a actual arquitecta municipal contratada por Andrés Díaz, e que é o mesmo contrato que vai ter o gabinete xurídico co que quere substituír o centro da muller.

    “É unha fuxida cara adiante dun alcalde desnortado, que vai buscando escusa tras escusa, e cando non a atopa, a culpa sempre é do anterior goberno, da Xunta ou de calquera que pasaba por alí”, concluíu.