O PP propón ao Bipartito provincial crear unha liña específica para repoñer a herba sintética nos campos máis deteriorados

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP propón ao Bipartito provincial crear unha liña específica para repoñer a herba sintética nos campos máis deteriorados

    • Recordan que os primeiros campos construídos xa teñen dez anos, que é o tempo de vida útil que normalmente garanten estes tapices cun uso intensivo.
    • Ángel Moldes esixe ao goberno que sexa previsor, e que convoque axudas independentes ao Plan Concellos.

     

    Pontevedra, 27 de decembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular defenderá no pleno de mañá que a Deputación de Pontevedra cree unha liña específica para facer fronte ao mantemento e á reposición da herba sintética nos campos de fútbol máis deteriorados da provincia. O voceiro dos populares, Ángel Moldes, considera que é necesario que convoquen unhas axudas independentes ao Plan Concellos, polo que esixirá ao goberno bipartito que sexa previsor e que reserve nos orzamentos de 2017 unha partida para facer fronte a este gasto.

    Así se defenderá nas alegacións que os populares presentaron aos orzamentos de 2017, pero tamén nunha das mocións que defenderá o PP. Ángel Moldes apunta que os primeiros campos de herba sintética construídos na provincia xa teñen dez anos, que precisamente é o tempo de vida útil que se garante cando hai un uso intensivo do terreo de xogo. Por iso, o plan que propoñen permitiría comezar a cambiar a herba sintética nos campos nos que o seu deterioro estea xustificado tecnicamente, e dando prioridade aos máis antigos.

    O voceiro destaca, ademais, que está demostrado que a construción dos campos de herba sintética por parte da Deputación de Pontevedra foi un proxecto pioneiro en toda Galicia. E recorda que hai máis de cen campos de herba sintética  na provincia, que permitiron aumentar de xeito notable o número de licencias, pero sobre todo, o número de escolas deportivas e de nenos e nenas que practican este deporte nunhas instalacións modernas e de calidade.

    Ademais, entende que este tamén sigue sendo un proxecto importante na actualidade, como así o demostra que o actual goberno bipartito formalizase convenios co Concello de Pontevedra para a construción de dous novos campos e con Vigo para, precisamente, o mantemento dos tapices máis deteriorados.

    Ángel Moldes apunta que na actualidade existen concellos que están destinando parte do Plan Concellos para repoñer o céspede, o que provoca que teñan que renunciar a prestar outros servizos ou investimentos. Considera que esta vai ser unha práctica xeral no vindeiro ano, como así llo trasladaron alcaldes e os propios clubs deportivos nas reunións que o PP está organizando polas comarcas, e nas que amosaron a súa preocupación por como afrontar os custes para repoñer a herba sintética.

    Por iso insisten os populares que é fundamental que a Deputación de Pontevedra e o goberno bipartito se adiante a esta situación e xa reserve nos orzamentos do próximo ano unha partida económica específica.