Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O reparto dos fondos a concellos centran as alegacións do Partido Popular aos orzamentos provinciais

    • Nidia Arévalo denuncia que “ou o bipartito manexa un orzamento diferente ao que entregaron ao PP ou as contas non dan, faltan 1,2 millóns de euros que segundo o goberno destinan aos concellos”.
    • Sinalan que mentres a Deputación da Coruña reserva o 43% do orzamento para os concellos, esta provincia destina só o 26%.
    • Piden, ademais, que prohiban asignar fondos con criterios discrecionais baseados en supostos agravios ou discriminacións anteriores.

     

    Pontevedra, 21 de decembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular presentou esta mañá as súas alegacións ao orzamento da Deputación de Pontevedra para o ano 2017. Segundo explicou a voceira Nidia Arévalo, o reparto de fondos aos concellos centrou as emendas dos populares, e criticou que “o bipartito presentou un documento improvisado e cheo de contradicións, un reflexo claro do que é o goberno e do que ten sido durante todo este tempo”.

    Improvisado e cheo de contradicións porque, segundo denunciou a popular, “no documento hai un desbaraxuste total e as contas non dan. Din que van repartir entre os concellos 41,2 millóns de euros, cando o orzamento, ou polo menos o documento que eles entregaron ao PP, reserva unha partida de 40 millóns de euros, exactamente a mesma cantidade que o ano pasado”. Por iso, cuestionou que “ou o bipartito manexa un orzamento diferente ao que entregaron ao PP ou as contas non dan, faltan como mínimo 1,2 millóns de euros”.

    Os populares piden que, tal e como veñen reclamando no último ano, incrementen os fondos para os concellos de 40 a 60 millóns de euros. Nidia Arévalo puxo como exemplo a Deputación da Coruña, “din que eles copiaron o plan desta provincia pero parece que a presidenta non o mirou ben, porque as diferencias son evidentes”. Así, destacou que a institución coruñesa reserva o 43% do orzamento para repartir entre todos os concellos baixo criterios obxectivos, mentres que esta provincia destina só o 26%.

    Outra das emendas que presentan os populares é que queren falar de todos os repartos, “e non só do que eles queren. Queremos saber canto se inviste en convenios, con que se asinan e para que son, tres cuestións das que non queren falar e evitan concretar neste documento”, salientou Arévalo. Ademais, piden que se prohiba asignar fondos con criterios discrecionais baseados en supostos agravios ou discriminacións anteriores. “Non é máis que unha visión sesgada e totalmente interesada, e proba disto é que o informe no que basean eses convenios de libre disposición non está asinado polo servizo de intervención”, engadiu.

    Tamén piden os deputados do PP que se inclúa nas bases de execución dos orzamentos a obrigatoriedade de que a presidenta atenda e reciba aos alcaldes da provincia que así o soliciten, especialmente para abordar a elaboración dos plans de cooperación. A voceira popular recordou que a lei de bases de réxime local di que a Deputación aproba anualmente un plan provincial de cooperación en cuxa elaboración deben participar os concellos da provincia. “É lei, pero Carmela Silva non o quere entender ou parece descoñecelo”, apuntou.

    ESTRADAS, EMPREGO, TURISMO, CULTURA E DEPORTE

    Outras das propostas dos populares pasan por solicitar que se poña a pleno rendemento o parque de maquinaria e que haxa maior atención ás estradas provinciais. No que respecta ao emprego, piden que se reserven 10 millóns de euros para contratar parados de longa duración para que presten servizos nos concellos da provincia, e outros 5 para becas.

    En materia deportiva, que reserven unha partida para conservación e substitución dos tapetes de campos de herba artificial, e que renuncien a recortar á metade a partida das escolas deportivas, que pasa de 500.000 euros neste ano a 250.000 en 2017. Tamén piden máis investimento nos sectores produtivos desta provincia, como por exemplo na Finca de Mouriscade, ou medidas concretas para o turismo, como un dos sectores económicos clave da provincia, e sen esquecerse de reclamar máis apoio para o tecido asociativo da provincia.