16 de marzo de 2023. O Partido Popular, a través da senadora galega Pilar Rojo, rexistrou esta semana unha pregunta na Cámara Alta sobre por que o Comisionado para o Corredor Atlántico nomeado polo Goberno central exclúe á Xunta de Galicia das súas visitas á Comunidade.
Cómpre lembrar que o comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, estivo en Galicia o pasado 7 de marzo. A súa axenda incluíu reunións co delegado do Goberno ou con directivos de empresas, pero “sorprendentemente” —di a senadora galega— non con algún representante da Xunta, administración que “se decatou da visita polos medios de comunicación”.
Deste xeito, Rojo cuestiona cales son os motivos desta exclusión; por que non foi comunicada a súa visita ao Goberno galego; e, así mesmo, se ten previsto algunha reunión con representantes da Xunta de Galicia e, en caso negativo, cales son as razóns de non manter esta xuntanza.
Este feito xa foi criticado a pasada semana pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen lamentou que a primeira visita do comisionado foi "sen comunicación" e "de costas a Galicia". “É intolerable", manifestou. Pola súa banda, o presidente do Goberno galego sinalou que "despois de tantos anos de espera, este non é un bo comezo”.