15, marzo, 2023. Tras coñecerse a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, que anula a modificación do contrato de lixo da Mancomunidade do Salnés para dar servizo ao Concello de Meis, o Partido Popular recorda que “aínda para máis gravidade, este contrato a dedo impulsado por Marta Giráldez estaba custando aos veciños de Meis un 65% máis que o anterior contrato”. Así, a voceira e candidata á Alcaldía, Marta Lucio, afirma que polo mesmo servizo, o Concello está pagando 82.000 euros máis ao ano, o que suporía que nos cinco anos de duración deste contrato, gastaríanse 410.000 euros máis.
Para a popular, “o xulgado vén a ratificar o que vimos advertindo no PP desde hai tempo, que hai unha xestión nefasta e falta de transparencia na adxudicación do contrato”. Ademais, di que ningunha empresa quixo facerse cargo do contrato de recollida de lixo que sacou a concurso o Concello de Meis “porque era un desastre”. E refírese tamén ao que se recolle na propia sentencia, que di que o Concello de Meis non demostrou que a falta de ofertas no proceso de licitación manteríase si o contrato ofrecera as condicións que finalmente se ofreceron a través da Mancomunidade do Salnés, é dicir, ese aumento do custe na prestación do servizo.
Polo tanto, “Marta Giráldez debe pedir desculpas aos veciños, explicarlles por que adxudicou a dedo un contrato que sabía que lles prexudicaba economicamente, asumir os seus erros e defender os intereses de Meis”. Nesta liña, considera que é sorprendente que diga xa que vai recorrer a sentencia cando o que tería que facer é iniciar un procedemento xusto, transparente e que sexa beneficiosos para o concello e para os veciños”.