Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Os concelleiros do Partido Popular acusan a Caballero de incumprir a súa palabra e de discriminar aos veciños da área metropolitana

    • Os populares instan ao alcalde de Vigo a cumprir o firmado e a integrarse no transporte metropolitano de forma efectiva ao igual que se fixo nas outras grandes cidades de Galicia
    • Nidia Arévalo: “Esta área é ilegal e vai nacer morta mentres Vigo non se integre de forma efectiva no transporte metropolitano. Non pode haber cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”
    • Javier Bas: “Eu non confío na palabra de Caballero porque non valora a súa firma. Se alguén quere liderar esta área metropolitana ten que deixar a un lado os localismos”

     

    Pontevedra, 1 de decembro de 2016.- Os concelleiros metropolitanos do Partido Popular, reclamaron hoxe a necesidade de que Abel Caballero cese no seu empreño de facer cidadáns de primeira e cidadáns de segunda categoría e integre ao Concello de Vigo no plan de transporte metropolitano de Galicia nos termos acordados. “Con elo, evitaría que a Área Metropolitana estea condeada a nacer, dende o primeiro momento, coa obriga de reclamar diante dos tribunais o dereito a ser cidadáns metropolitanos coas mesmas obrigas pero tamén cos mesmos dereitos, sen privalos de dereitos e aforros económicos dos que xa gozan veciños e veciñas doutras zonas de Galicia”, sosteñen os membros do Partido Popular no escrito presentado esta mañá na reunión constitutiva da área.

    Os populares manifestaron a súa rotunda oposición a que se avance no proceso de constitución da área namentres non se cumpra o requisito imprescindible, así recollido nos convenios firmados, de que o Concello de Vigo se integre de forma efectiva no transporte metropolitano. Do contrario, afirman os concelleiros metropolitanos do Partido Popular, “o sistema suporía cargas financeiras aos veciños dos nosos concellos sen que se lles prestase o servizo fundamental que lle dá a razón de ser á área metropolitana e do que deberían derivar, como elemento estruturante, tódolos demais”. Os prexudicados, sinalan os populares, serían tódolos veciños da área, porque, namentres, tampouco os veciños de Vigo se poden beneficiar dos descontos que a entrada en funcionamento do transporte metropolitano supón.

    Ademais, aludiron ao informe do Consello Consultivo, un organismo ao que acudiu o propio Abel Caballero para solucionar dúbidas ao respecto da área, e no que se di, literalmente, que “a aplicación de tarifas diferentes aos usuarios por razón de empadroamento non se contempla” e que “a efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo está condicionada á previa integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia”.

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, resumiu a posición dos rexedores do Partido Popular: “Queremos que Abel Caballero cumpra coa súa firma e coa súa palabra. Esta área é ilegal e vai nacer morta. Sei que hai que esperar dous anos para marchar dela, pero se poden pasar dous anos sendo un concello presencial, sen participar. Isto non é o que se votou nos concellos. Votouse un área vinculada a un transporte e iso non se está a cumprir. O que ten que facer o alcalde de Vigo é integrar o transporte de Vigo na rede metropolitana. Mentres iso non ocorra, a área non cumpre coa lei. Eu non podo entrar nun área no que un veciño de Vigo pague 0,86 euros e un de Mos 1,32. Non pode haber cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”.

    Pola súa parte, o alcalde de Redondela, Javier Bas, insistiu en que Abel Caballero “non está cumprindo a súa palabra”. “Eu non confío na palabra de Caballero porque non valora a súa firma. Se alguén quere liderar esta área metropolitana ten que deixar de pensar nos localismos. Recordemos algo importante: o que se trata de cumprir aquí é o mesmo sistema que hai noutras cidades de Galicia, como Santiago ou A Coruña: que unha persoa que teña a tarxeta da área metropolitana poida desprazarse nas mesmas condicións dentro da área. Non pode haber algo distinto ou novo para Vigo”.

    Trala suspensión do pleno constitutivo por parte do presidente do mesmo debido ao incumprimento do convenio por parte de Abel Caballero, os concelleiros do Partido Popular analizan agora dende o punto de vista xurídico a continuación da sesión protagonizada polo resto de asistentes.