14, marzo, 2023. José Luis Gómez Fontenla será o candidato do Partido Popular para revalidar a alcaldía de Moraña nas eleccións municipais do 28 de maio, que Goberna neste concello desde o ano 2011.
Gómez Fontenla é o candidato de consenso elixido por toda a xunta local do partido, e así llo trasladaron onte pola noite ao presidente provincial, Luis López, nunha xuntanza de traballo. O líder provincial amosou a súa confianza en que o candidato poida revalidar nos próximos comicios o magnífico resultado obtido en 2019, onde o PP acadou a maioría absoluta, cun equipo de xente próximo e un proxecto que ilusione aos veciños de Moraña.
Ademais, reivindicou o traballo feito en Moraña durante os últimos doce anos por José Cela e Luisa Piñeiro. Nesta liña, recoñeceu que “José Cela asumiu con compromiso e responsabilidade a alcaldía, e fixo un traballo moi importante nun momento especialmente complicado, coa pandemia sanitaria e a crise económica”. Por iso, agradece que vaia continuar traballando polo seu concello e polo partido con complicidade e implicación.
José Luis Gómez ten 38 anos, estudou dereito e é garda civil, e defínese como unha persoa inqueda e dinámica, con vocación de atender aos demais. Participa activamente con asociacións e entidades locais para dinamizar a vida cultural, social e deportiva de Moraña, presidindo cinco colectivos e tamén o Moraña Club de Fútbol. Afirma que “Moraña precisa seguir mantendo un goberno solvente, de confianza e comprometido, que nos permita seguir avanzando, tal e como se fixo na última década, e que continúe coa transformación global emprendida polos alcaldes Luisa Piñeiro e José Cela tanto no eido da dinamización socioeconómica como na consecución de infraestruturas e equipamentos e a implantación de servizos públicos”.
Aposta por “seguir potenciando os servizos no rural, ampliando o solo industrial para seguir creando emprego, aumentando as atencións e servizos para os nosos maiores, mellorando as instalacións deportivas, incrementando as actividades culturais, veciñais e sociais, fomentando máis a igualdade a prol das mulleres e as oportunidades para a mocidade e afondando na sostibilidade e na protección do medio ambiente e a natureza”.