12, marzo, 2023. Para o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, as declaracións que fixo Carmela Silva tras a última reunión da xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra “demostran que nin ela nin o PSOE confían xa nas falsas promesas de David Regades e de Zona Franca para desenvolver terreo industrial na provincia”. Nesta liña, di que “é unha situación que vimos advertindo desde o PP nos diferentes concellos, que David Regades leva catro anos vendendo fume, utilizando Zona Franca como outro instrumento máis de propaganda política dos socialistas na provincia para prometer investimentos en polígonos industriais sen facer absolutamente nada”.
Con todo, continúa o voceiro popular, “é revelador que xa nin o seu propio partido nin a súa propia compañeira, Carmela Silva, confíen xa na súa capacidade e nos recursos de Zona Franca para desenvolver solo industrial nos concellos desta provincia”.
Con respecto ao Polígono de Barro, Cubela recorda que “todo do que presumen foi construído por un Goberno do PP na Deputación de Pontevedra, que apostou polo emprego e a consolidación de empresas nun momento clave. Unha aposta estratéxica e de futuro para rexenerar a economía, para o desenvolvemento do emprego de toda a provincia, pero en especial para as comarcas de Pontevedra e do Salnés”. É máis, di que “moitos dos que hoxe presumen deste proxecto, naquel momento amosaron as súas dúbidas e oposición”.
Por último, lamenta que o Bipartito non fixese os seus deberes “para dar continuidade a este solo industrial, e agora, como de costume, volve a botar a culpa ao Goberno galego, que é o que mellor sabe facer”. Nesta liña, recorda que o PP xa reclamou hai seis anos que o Goberno fose previsor e comezase a xestionar a ampliación do polígono, pero Carmela Silva afirmaba que “sobraban terreos”. Como sempre, continúa Cubela, “o tempo nos dá a razón”.