Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP reclama ao Goberno central ampliar os fondos do DUS 5000 para cubrir os 27 proxectos da provincia que quedaron excluídos

     

    • Cubela: “pese ao gran esforzo realizado polos pequenos e medianos concellos que, con recursos moi limitados, demostraron gran capacidade de xestión e iniciativa, o diñeiro non chegará finalmente a moitos concellos que o necesitan e que, ademais, xa asumiron un gasto previo importante”.

     

    • Denuncian que mantiveron o prazo aberto durante once meses, co crédito esgotado, facendo perder o tempo, o traballo e o esforzo de centos de entidades locais para nada.

    24, xaneiro, 20232. O grupo provincial do Partido Popular buscará no pleno deste venres apoio unánime de toda a corporación para reclamar ao Goberno central que amplíe os fondos do programa DUS 5000 e cubrir así todas as solicitudes que, a pesar de estar presentadas en prazo e forma, quedaron excluídas, e que na provincia ascenden a un total de 27 proxectos de varios concellos e incluso da propia institución provincial. O voceiro popular, Jorge Cubela, acompañado pola deputada Pepa Pardo, sinalou esta mañá que “é unha reclamación importante para os nosos concellos e por iso desde o PP provincial entendemos que debe de haber estratexia de provincia, apoiar aos concellos que quedaron fóra e reclamar con determinación ante o Goberno central que reabran a convocatoria e doten de crédito suficiente para financiar os proxectos que quedaron sen axudas do programa DUS 5000”.

    Cubela destacou que “pese ao gran esforzo realizado polos pequenos e medianos concellos que, con recursos moi limitados, demostraron gran capacidade de xestión e iniciativa concorrendo a esta liña de axudas, o diñeiro non chegará finalmente a moitos concellos que o necesitan e que, ademais, xa asumiron un gasto previo importante na elaboración destes proxectos e na contratación de consultorías externas para a súa redacción e seguimento”. Nesta liña, cuestionou “de que vale falar de fondos europeos si finalmente non chegan a todo o territorio, de que vale falar de fondos europeos si non chegan a quen máis o necesitan”.

    Por iso, reclaman ao Bipartito da Deputación que “por unha vez, antepoñan os intereses da provincia e dos concellos” e apoien esta demanda. Nesta liña, lamentou xa o voto en contra de PSOE e BNG na comisión informativa. “Pedimos ao PSOE que deixe de priorizar o seu interese partidista e ao BNG que rache con esa dinámica de apoiar a cegas todo o que marca o PSOE. Na Deputación son as marionetas dos socialistas. O BNG non ten voz propia nesta institución. Debeu de ser un dos acordos ocultos do pacto do Bipartito”.

    EXCLUÍRON TODAS AS SOLICITUDES PRESENTADAS NOS ÚLTIMOS ONCE MESES DO PRAZO ESTABLECIDO

    O popular recordou que este programa inclúese nos fondos europeos que recibiu España para canalizar e paliar os danos da Covid-19. O obxectivo do PROGRAMA DUS 5000 era a de dar un impulso ao Desenvolvemento Urbano Sostible, nos municipios de reto demográfico, mediante actuacións que constituísen proxectos singulares de enerxía limpa como, por exemplo, proxectos de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, de fomento dos investimentos verdes e, en particular, do autoconsumo, así como de mobilidade sostible, facilitando o cambio modal e garantindo a participación dos municipios no despregamento da infraestrutura de recarga e impulso do vehículo eléctrico, incluíndo medidas de aforro enerxético e redución da contaminación lumínica mediante a mellora da iluminación pública. 

    O programa DUS 5000, vixente ata as 13:00 horas do 7 de novembro de 2022, contaba cunha dotación orzamentaria de 675.000.000 euros e financiaríase co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As propias bases dicían que  este orzamento podería ser ampliado se existise dispoñibilidade orzamentaria para esta mesma finalidade e sempre que non expirase o prazo de vixencia do mesmo.

    A data de 7 de novembro de 2022, analizada a dispoñibilidade orzamentaria das referidas solicitudes de axuda, todas elas atopábanse en situación de lista de espera, ao non dispoñer de dotación orzamentaria para a súa estimación. Pero finalmente o Goberno central decide desestimar definitivamente as solicitudes formuladas con posterioridade ao 2 de decembro de 2021. “É dicir, mantiveron o prazo aberto durante once meses facendo perder o tempo, o traballo e o esforzo de centos de entidades locais para nada”.

    Os 27 proxectos rexeitados na provincia de Pontevedra inclúen seis da Deputación de Pontevedra, 3 de Moraña, 3 de Tomiño, 2 de Sanxenxo, un de Silleda, Forcarei, A Illa de Arousa, Meis, Cuntis, 3 de Cerdedo-Cotobade, Salvaterra, As Neves, Salceda de Caselas e Pontecesures. “Se queremos defender aos nosos concellos, o noso territorio e a autonomía local, é fundamental que esta moción saia adiante o venres. Recolle e engloba a vontade de todos os concellos que presentaron iniciativa”.