20, xaneiro, 2023. A senadora do PP de Pontevedra, Pilar Rojo, reclama na Cámara Alta explicacións sobre as medidas que está adoptando o Goberno central para completar a alta velocidade en Galicia, e que chegue ás cidades de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña, que levan décadas agardando polo AVE.
“A posta en marcha dos trens Avril vai tardar máis do que estaba previsto. Novamente as previsións do Goberno central non se cumpren con Galicia, hai un novo retraso na entrega e, para colmo, son incapaces de concretar unha data”, denuncia Rojo.
Para a popular, “é incomprensible que, ante a demora na dotación dos trens AVRIL, a día de hoxe o Goberno de España continúe sen establecer un cronograma real para que eses trens estean funcionando en Galicia”. Por iso, no Senado pedirá explicacións ao Goberno e preguntará cales son os motivos do retraso na chegada a Galicia dos trens Avil de Alta Velocidade: “Que medidas adoptou o Goberno ata o de agora? Cal é o prazo que estima para a posta en marcha definitiva da alta velocidade en Galicia? Cal é o número de trens que van chegar á nosa comunidade?”.
Desde o PP recordan que “o que queremos e necesitamos os galegos é que a alta velocidade chegue xa ás cidades de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña”. Por iso, esixen ao Ministerio de Transportes explicacións e que concrete as datas de cando van estar funcionando os trens AVRIL en Galicia. “Merecemos unha explicación clara e contundente por parte do Goberno, ante un novo incumprimento de Sánchez con Galicia e coa nosa provincia. Non podemos perder o tren da alta velocidade e facelo por culpa dun Goberno sen rumbo que non cumpre coas súas promesas. E, desde logo, non podemos consentir que incumpra e, ademais, o faga sen dar ningunha reposta nin solución ao respecto”.