Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Luis López: “Temos ao mellor candidato e o mellor proxecto, en maio haberá en Salceda de Caselas un alcalde do Partido Popular”

    • Santiago Rodríguez Davila presume “dun partido unido, comprometido e con moita forza e dun equipo que está preparado para gobernar”.

     

    27, novembro, 22.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, sinalou esta tarde que “o PP ten ao mellor candidato, o mellor equipo e o mellor proxecto, e por iso en maio haberá en Salceda de Caselas un alcalde do Partido Popular. Estamos a seis meses de cambiar o rumbo deste concello”. Di que “Gobernar concellos, que é o que queremos facer, non é o mesmo que ocupar gobernos sen facer nada. Nós ofrecemos Gobernos que son garantía de estabilidade, somos un partido no que se pode confiar”, e puxo de exemplos concellos como Mos, Salvaterra de Miño ou Porriño, “que son unha referencia de servizos de calidade, de solvencia, de atención e de crecemento. Alí onde gobernamos, os veciños xa saben que os alcaldes do PP son unha aposta segura”.

    Foi durante a celebración do 5º Congreso local do partido, no que Santiago Rodríguez Davila foi elixido presidente local. López recordou que o PP xa gañou as eleccións municipais en 2019, e quedaron a só cen votos de Gobernar, por iso amosouse convencido de que nas próximas chegará a maioría absoluta que precisan. “Hai once concellos onde gañamos as eleccións e os seus gobernos locais levan máis de tres anos repartidos e mal xestionados entre os perdedores. E a cousa pode incluso ser peor, como no caso de Salceda de Caselas que está gobernado polo partido e a candidata que menos votos recibiu dos seus veciños. O concello está nas mans do partido no que os salcedenses menos confiaron”.

    Ademais, criticou “o pacto in extremis feito nas escaleiras” o mesmo día da toma de posesión, para evitar “a toda costa” que gobernarse o PP en minoría. “Non foi un pacto pensado nos cidadáns e no concello, foi un pacto para repartirse alcaldía, literalmente, entre dous partidos. E por iso nin hai acordo de goberno, nin hai proxecto, nin directriz, nin tampouco nada que poidamos esperar deste pacto da escaleira”.

    Nesta liña, subliñou que os grandes logros dos que alardea este Bipartito responde a melloras en infraestruturas e equipamentos acometidos pola Xunta de Galicia, como o novo Centro de Saúde, a senda peonil de Parderrubias, a ampliación do colexio Altamira, a implantación do Bacharelato, os obradoiros de emprego... E puxo en valor que o orzamento de 2023 xa reserva 3,5M€ para a ampliación do instituto e que a segunda Galiña Azul será unha realidade cando as dúas alcaldesas de Salceda se poñan de acordo en que terreo queren que se constrúa.

    Pola súa parte, o presidente electo, Santiago Rodríguez, agradeceu a confianza dos afiliados e presumiu “dun partido unido, comprometido e con moita forza, e dun equipo que está preparado para gobernar a partir de maio”. De feito, explicou que o 80% da candidatura para as municipais xa está incluída neste equipo “que conta con representación de todas as parroquias e barrios, pero tamén de todos os eidos sociais, culturais, empresariais, deportivos... do noso concello”.

    Rodríguez Davila dixo que “os veciños necesitan Gobernos que resolvan e tomen decisións”. Pediu o apoio de todos e intensificar o traballo na rúa para dicir adeus en maio “ao Goberno máis caro e coa peor xestión”. Comprometeuse a seguir traballando “sen descanso” para volver a gañar as eleccións, para conseguir a confianza maioritaria dos veciños, pero sobre todo, para cambiar o rumbo dun concello que está perdendo demasiadas oportunidades. Entre outras cuestións, comprometeuse “a que as familias conten a partir de maio neste concello, para as que haberá axudas escolares, servizos de conciliación familiar e becas para os mellores expedientes; a modificar a ordenanza municipal do catastrazo; e a conseguir financiamento para construír un edificio multiusos con maior capacidade porque neste auditorio non é que non collamos os afiliados do Partido Popular, é que tampouco colle a banda cultural”.

    Xunto con Santiago Rodríguez como presidente, conforma o comité executivo Ana Cristina Pérez como vicepresidenta; Pablo Caballero como secretario xeral; Jaime Rodríguez como vicesecretario de organización; Joaquín Núñez, vicesecretario económico; Ángela Valcárcel, de acción social; Primitivo González, de medio ambiente, territorio e infraestruturas; e Noelia Domínguez, de cultura, deporte e educación. Ademais, tamén inclúen 32 vogais.