Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP impulsará o arranxo da rúa Viñas, “outro lugar abandonado durante demasiado tempo”

    • Ángel Moldes visita a zona xunto a residentes na zona e anuncia a presentación dunha moción no próximo pleno para resolver as demandas de veciños e usuarios.
    • Recorda que o estado actual desta e outras zonas é froito “dun Goberno a tres mans máis preocupado de conservar os sillóns que de escoitar aos veciños” e comprométese a que cun Goberno do PP a partir do próximo maio, Viñas e todo San Salvador “recibirán o impulso que merecen”.

     

    9 de novembro de 2022. O PP de Poio presentará unha moción para o arranxo urxente da rúa Viñas, en San Salvador “outro lugar abandonado polo Goberno local durante demasiado tempo”. O portavoz e candidato do PP á Alcaldía, Ángel Moldes, trasladoullo aos veciños da rúa durante unha visita para comprobar o estado da zona, así como o compromiso de que “cun Goberno do Partido Popular a partir do próximo maio, este lugar e todo San Salvador recibirán o impulso que merecen”.

    O popular, que estivo acompañado da concelleira Rocío Cochón, escoitou as demandas e preocupacións de residentes nesta rúa, e confirmou sobre o terreo o estado moi deteriorado do vial, co asfalto en mal estado, terrapléns polos que xa caeron varias veces contedores e outros obxectos ás fincas e un estado de abandono “nun vial moi transitado e a poucos metros da PO-308”.

    Moldes destacou a gran cantidade de peóns e conductores que usan a rúa Viñas, tanto veciños como usuarios da residencia de persoas maiores ou o colexio ubicados no propio vial: “Como en moitos outros lugares de Poio, temos pais e nais levando aos nenos á escola e familiares acompañando aos seus maiores por camiños nun estado lamentable, froito dun Goberno a tres mans máis preocupado de conservar os sillóns que de escoitar aos veciños”

    Por iso, Moldes anunciou que o Grupo Municipal trasladará inmediatamente ao Pleno as peticións de arranxo mediante unha moción, “para que consten en acta as esixencias dos veciños”, pero recordou que “en demasiadas ocasións o Tripartito é incapaz de cumprir os acordos do pleno, e menos nos seis meses que quedan ata as eleccións, cando xa están demostrando estar máis preocupados por quitarlles votos aos seus socios que en solucionar os problemas da xente”.

    Por ese motivo, o candidato popular comprometeuse a que a partir de maio de 2023, cun Goberno do Partido Popular, este lugar e todo San Salvador recibirán o impulso que merecen”.