Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Alcaldes e voceiros do PP na comarca denuncian a desconexión da Deputación coas necesidades do rural

    • López: “Somos o partido que máis se parece á xente, porque estamos permanentemente na rúa, escoitando, interesándonos e preocupándonos polos nosos veciños”.
    • Cubela critica que “non pode ser que todo o que sexa para gasto da Deputación aumente, incluídos os gastos de propaganda e autobombo, mentres que reducen a súa aportación aos concellos, con todas as dificultades e urxencias que estamos tendo”.
    • Os populares reclamarán no pleno deste venres unha axuda directa para as traídas de augas xestionadas por comunidades de usuarios, que no rural o 90% das traídas de auga están xestionadas por estas entidades.

     

    24, outubro, 2022.- Alcaldes e voceiros da comarca de Pontevedra reuníronse en Poio co  presidente provincial, Luis López, coa secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e deputados provinciais, nun encontro de traballo para analizar a situación da comarca e coñecer a emenda de devolución que os populares presentaron ao orzamento da Deputación de Pontevedra para 2023.

    O voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, explicou que “o PP non pode quedarse mirando mentres o Bipartito PSOE e BNG presentan uns orzamentos que non teñen en conta as necesidades e urxencias dos concellos e dos seus veciños”. Así, explicou que a pesar de que van contar en 2023 con 11 millóns de euros máis, entre o aumento do orzamento provincial e os remanentes, para o Plan Concellos destinan a pedrea de 1 millón de euros e, ademais, reducen as transferencias para os concellos en case un 5%. “Non pode ser que todo o que sexa para gasto da Deputación aumente, incluídos os gastos de propaganda e autobombo de Carmela Silva e de César Mosquera, mentres que reducen a súa aportación aos concellos, con todas as dificultades e urxencias que estamos tendo”.

    No encontro, os populares lamentaron a falta de empatía do Goberno provincial, e entenden que “estes orzamentos anticoncellos son un exemplo claro da desconexión absoluta que teñen cos concellos do rural”. Un descoñecemento, engade, que tamén se manifesta na exclusión das traídas de augas veciñais do plan provincial de axudas contra a seca, que provocou que moitos concellos teñan dificultades para acollerse a el. Por iso, Cubela explicou que no pleno provincial deste venres o PP defenderá unha moción para reclamar á Deputación de Pontevedra unha liña directa de axudas para as traídas de augas xestionadas por comunidades de usuarios, que no rural supoñen un 90% dos casos.  “Son as que dan servizo a unha parte importante do rural e é a solución máis eficiente para abastecer a poboacións máis alonxadas, pero para a Deputación de Pontevedra non contan”. Non só nos pequenos e medianos concellos, indican os populares, tamén nalgunhas parroquias da cidade de Pontevedra.

    TRABALLO CARA AS MUNICIPAIS

    Durante o encontro, Luis López tamén aproveitou para pedir aos alcaldes e voceiros que intensifiquen, aínda máis, o seu traballo nos próximos meses. “Levamos traballando duro todo o mandato, e por iso temos que continuar en cada parroquia e en cada aldea”. Recordou que si hai un partido que aposte polo municipalismo ese é o Partido Popular, con concelleiros en todos os concellos da provincia e deputados provinciais en cada partido xudicial, dispostos a traballar e defender os intereses da veciñanza.

    “Somos o partido que máis se parece á xente e non é por casualidade. É froito do traballo, de estar permanentemente na rúa, escoitando, interesándonos e preocupándonos polos nosos veciños. Se facemos as cousas ben, se traballamos duro estes meses e se estamos preto da xente, propondo e ofrecendo unha alternativa real, podemos lograr grandes resultados e garantir gobernos estables e fortes nos concellos”.