Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Luis López: “Veñen meses de dificultades para os concellos e os veciños necesitan Gobernos estables e sólidos como o de Carlos Costa en Campo Lameiro”

    • Destaca a súa capacidade de traballo, a súa lealdade aos veciños e o seu compromiso co concello: “Volverán a confiar en ti para revalidar unha nova maioría absoluta en maio”.
    • Carlos Costa di que conta con todos para seguir transformando Campo Lameiro e que sexa un gran lugar para vivir.

     

    22, outubro, 2022. O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, amosouse convencido de que Campo Lameiro ten alcalde do PP para moitos anos, tras participar no congreso local do partido, no que os afiliados elixiron a Carlos Costa como presidente e no que estivo arroupado por alcaldes e voceiros de toda a comarca.

    “Tiñas o listón ben alto, pero tamén é de xustiza dicir hoxe, a uns meses de rematar este mandato e diante dos teus veciños, que estás á altura. É certo que ningún de nós tiñamos dúbidas. Non só pola túa gran calidade humana, tamén pola túa capacidade de traballo, pola túa lealdade e fidelidade aos teus veciños, e polo teu compromiso co teu concello. E demostrástenos que non estabamos equivocado”. Nesta liña, subliñou que Costa está sempre que o necesitan, e por iso dentro duns meses os veciños volverán a confiar maioritariamente nel e no seu equipo para seguir Gobernando Campo Lameiro.

    López puxo en valor que “o Partido Popular é o partido da xente, e non é por casualidade. Somos o partido que está a pé de rúa para escoitar, entender e atender as necesidades da cidadanía”. Por iso, dixo que sempre encontrarán nos populares unha defensa do municipalismo. “Non hai partido máis local que o Partido Popular, nin partido que traballe máis polos concellos do rural que o noso. Ben sexa no Goberno galego ou nos concellos nos que gobernamos, e que son unha referencia de xestión e de servizos públicos de calidade, para garantir que vivir no rural non sexa nunca unha desvantaxe. As persoas, vivan onde viva, deben ter atendidas as súas necesidades”.

    Durante a súa intervención, o presidente provincial tamén agradeceu a traxectoria de Julio Sayáns, presidente da Mesa do Congreso, por tantos anos de traballo e dedicación no partido e do concello e por seguir estando sempre co partido. “Non hai imaxe máis clara de unidade que a que hoxe temos neste congreso. Campo Lameiro foi e é un exemplo de unidade e de forza do Partido Popular cunha transición modélica, conscientes de que o importante non eran as persoas que lideraban o equipo, senón que o máis importante sempre, e sen excepción, son os nosos veciños”. E xuntos, engadiu, “seremos quen de revalidar esta maioría absoluta e garantir que Campo Lameiro continúe avanzando”.

    Por último, apuntou que veñen meses de moitas dificultades para os fogares, para as empresas e tamén para os concellos. “E por iso é importante contar con gobernos estables e sólidos como os que garante o Partido Popular alí onde goberna. Ben sexa en Campo Lameiro con Carlos ou na Xunta de Galicia  con Alfonso Rueda. En maio hai moito en xogo, e hoxe comeza a revalidarse unha nova maioría absoluta de Campo Lameiro”.

    Pola súa parte, o presidente electo, Carlos Costa, amosouse “ilusionado” para afrontar esta nova etapa no partido, na que o acompaña un equipo que combina experiencia e renovación, e no que hai unha aposta clara pola mocidade. Di que o seu compromiso está intacto, que é exactamente o mesmo que cando asumiu a responsabilidade de ser o candidato á alcaldía en 2019, coas mesmas ganas de traballar e de seguir facendo de Campo Lameiro un gran lugar para vivir. Nesta liña, dixo que conta con todos para revalidar a maioría absoluta en maio e seguir transformando o concello.

    PERFIL CARLOS COSTA

    Carlos Costa Domínguez naceu o 29 de xuño de 1967. Traballador autónomo (rexenta unha panadería), tras 16 anos como primeiro tenente de alcalde, desde 2019 é alcalde do Concello de Campo Lameiro.