Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP critica que dos 11 millóns de euros que aumenta o orzamento da Deputación, para os concellos só destinan a pedrea

    •  Na primeira lectura do documento, botan en falta unha estratexia de provincia “para dar resposta ás dificultades que estamos atravesando”.
    • Cubela sinala que “si co orzamento máis alto, Carmela Silva ten que facer balance do Reequilibrio e Deporemse, plans que por certo, repartiron 7 de cada 10 euros entre concellos gobernados por PSOE ou BNG, é síntoma do pouco peso que teñen os concellos no orzamento provincial”.

    14, outubro, 22.- O grupo provincial do Partido Popular lamenta que, unha vez, os concellos sexan os grandes esquecidos do orzamento da Deputación de Pontevedra para 2023. Sinalan que, a pesar de que son as contas máis expansivas, que contan cun incremento de 11 millóns de euros con respecto a este ano, para os pequenos e medianos concellos da provincia queda a pedrea, e só actualizan o Plan Concellos en 1 millón de euros.

    O voceiro popular, Jorge Cubela, sinala que “nesta primeira lectura que facemos do orzamento provincial volvemos a botar en falta unha estratexia de provincia para dar resposta ás dificultades que estamos atravesando. Non houbo estratexia de provincia para a crise provocada pola pandemia, nin agora hai respostas ás demandas da cidadanía e dos concellos para atravesar un ano que vai ser negro”.

    Foi durante unha reunión de traballo que os deputados mantiveron co presidente provincial do partido, Luis López, e que se enmarca dentro das xuntanzas de coordinación que manteñen de xeito periódico. Cubela recordou que desde o ano 2016, o orzamento da Deputación de Pontevedra incrementouse en 35 millóns de euros pero os concellos apenas o notaron. “Seguimos estando moi lonxe dos 60 millóns que o Goberno do Partido Popular destinaba aos concellos da provincia, a pesar de que temos o orzamento máis alto da historia da institución provincial”. Unhas achegas para os concellos que, segundo os populares, “son fundamentais para seguir mantendo servizos públicos de calidade e para que as competencias municipais non se vexan mermadas por causa da crise económica e da alta inflación que está afogando as economías domésticas e as contas municipais”.

    Ademais, sinalan que “é moi revelador” que o Goberno teña que facer referencia a plans de 2017 e 2018 para defender os investimentos da Deputación nos concellos. “Que co orzamento máis alto, que ten 11 millóns de euros máis que o deste ano, Carmela Silva teña que facer balance do Reequilibrio ou Deporemse, plans que por certo, repartiron 7 de cada 10 euros entre concellos gobernados por PSOE ou BNG, é síntoma do pouco peso que teñen os concellos no orzamento provincial”.

    Por último, denunciaron que, “como xa vai sendo habitual con este Goberno”, os medios tiveron acceso ás claves dos orzamentos da Deputación de Pontevedra antes que a oposición, “unha mostra clara da transparencia deste Bipartito”.