Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP pide ao Goberno que explique por que está bloqueando en Madrid o colector entre Vilanova e Tragove

    • “Os concellos poñen a disposición os terreos, a Xunta ten un proxecto e ten investimento para facelo. E cal é o problema? Pois o de sempre, que o Goberno de Pedro Sánchez bloquea e veta en Madrid”, denuncia Javier Constenla.
    • Gonzalo Durán denuncia unha “decisión arbitraria” en Madrid, coa que os primeiros sorprendidos foron os funcionarios de Costas en Pontevedra.
    • “Hai que baixar ao terreo. Non se poden tomar decisións desde un despacho en Madrid sen coñecer cal é a realidade”, esixe Javier Tourís.

     

    05, outubro, 22.- O Partido Popular presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados para preguntar por que o Goberno central está bloqueando en Madrid o proxecto para substituír a tubaxe de fecais que conecta Vilanova de Arousa coa EDAR de Tragove, en Cambados. Así o anunciou esta mañá o deputado do PP de Pontevedra, Juan Constenla, que se achegou ata a praia das Patiñas acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o tenente de alcalde, Javier Tourís, e as concelleiras de Cambados, Sabela Fole e Silvia Fernández, onde hai só uns días unha avaría na tubaxe provocou un vertido na ría de Arousa.

    “Presentaremos unha iniciativa no Congreso, preguntaremos que pasa con este permiso e por que hai un criterio diferente en Pontevedra e en Madrid”, anunciou Constenla, facendo referencia a que o proxecto está autorizado pola xefatura de Costas en Pontevedra e foi o mesmo servizo, en Madrid, o que bloqueou o permiso. “Estamos falando dun proxecto importante e urxente, e aquí dáse unha paradoxa pouco habitual. Os concellos poñen a disposición os terreos, a Xunta ten un proxecto e ten investimento para facelo. E cal é o problema? Pois o de sempre, que o Goberno de Pedro Sánchez bloquea e veta en Madrid”.

    Os populares insistiron en que esta obra é fundamental “para estes concellos, para protexer a ría e para o sector mar-industria”. Explicaron que esta é unha instalación con moitos anos de antigüidade e que necesitan unha renovación urxente. “Non é a primeira rotura que se produce, e a medida que avance o tempo o deterioro será maior e os vertidos máis frecuentes”, engaden. Por iso, insisten en que “é unha obra necesaria para os tres concellos afectados e para un sector económico fundamental para esta ría. Están pendentes dun fío, en calquera momento pode haber outro vertido que paralice a súa actividade”.

    Pola súa parte, Gonzalo Durán cargou duramente contra “a decisión arbitraria” que se tomou en Madrid, e recordou que todo o proxecto fíxose consensuado coa xefatura de Costas en Pontevedra, polo que con este bloqueo “os primeiros sorprendidos foron eles”. O informe de Costas de Pontevedra di, textualmente, que “este servizo estima que se cumpre o disposto nos artigos 60.2 b, 60.3 e 95.2 do vixente Regulamento de Cotas e que se pode acceder á concesión solicitada”.

    Polo tanto, continúa o alcalde, “o que debería ter sido un mero trámite en Madrid, converteuse nunha sorpresa para todos”. Por iso, lamentou que se impida dar resposta a unha situación urxente e que estaba espertando as queixas de veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa. “Nós fixemos os deberes. E despois de todos os esforzos, atopamos o veto en Madrid. Pero este episodio de contaminación, que afecta a toda a ría de Arousa, non vai ser algo puntual. Cada día que pasa o risco de contaminación vai ser maior. Onde están os ecoloxistas defendendo a ría? É lamentable que primen intereses partidistas á hora de defender o ecoloxismo nuns sitios fronte a outros”.

    Nesta mesma liña pronunciouse o tenente de alcalde Javier Tourís, insistindo en que se vai perder un investimento de máis de 4 millóns de euros. “Contamos co permiso de Costas de Pontevedra, pero o proxecto está bloqueado en Madrid porque o Goberno central quere cambiar as tubaxes por toallas. Hai que baixar ao terreo. Non se poden tomar decisións desde un despacho en Madrid sen coñecer cal é a realidade”.