Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PPdeG pídelle ao Goberno central o mesmo compromiso que está a ter a Xunta coa sanidade cubrindo 106 prazas de difícil cobertura

    • García Comesaña reivindica que “grazas a esta convocatoria que se resolveu nun tempo récord de cinco meses, 40 profesionais van poder incorporarse este mes cunha praza fixa a centros de saúde da provincia de Pontevedra que tiñan prazas vacantes”
    • Paula Prado: “Reclamamos a Pedro Sánchez que deixe de preocuparse por documentais da Moncloa e estea con Galicia, coa sanidade pública galega e poña en marcha as medidas necesarias para que poidamos ter máis médicos”

     

    1, outubro, 2022. O Partido Popular de Galicia pon en valor as medidas pioneiras postas en marcha pola Xunta para paliar a falta de médicos, como a asignación que se está a facer de 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria mediante concurso de méritos, e contrapón estas “propostas reais para problemas reais” coa inacción do Goberno central, ao que reclaman “que estea con Galicia, coa sanidade pública galega e poña en marcha as medidas necesarias para que poidamos ter máis médicos”.

    Así o manifestaron tanto Julio García Comeseña, como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, despois da xuntanza que mantiveron esta mañá en Pontevedra cos alcaldes e voceiros dos concellos desta provincia incluídos na adxudicación de prazas de difícil cobertura que a Xunta vén de concluír esta semana: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, Cambados, Cangas, Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

    O Conselleiro de Sanidade trasladoulles que “grazas a esta convocatoria que se resolveu nun tempo récord de cinco meses, 40 profesionais van poder incorporarse este mes cunha praza fixa a centros de saúde da provincia de Pontevedra que tiñan prazas vacantes”. No caso de Galicia, o número de prazas que están a ser asignadas son 106.

    O conselleiro quixo destacar que isto foi posible grazas “á aprobación no Parlamento de Galicia dunha lei que permite á Xunta crear unha nova categoría que combina unha praza fixa con cupo propio e con gardas no Punto de Atención Continuada e grazas sobre todo ás enmendas do Grupo Popular para facer esas prazas aínda máis atractivas, mediante acceso por concurso de méritos sen necesidade de aprobar unha oposición”.

    Un apoio do Partido Popular que permitiu sacar adiante esta convocatoria “pioneira en toda España” e que contrasta co voto en contra tanto do PSdeG como do BNG. Unha oposición que, tal e como sinalou Comesaña, “non foi un erro, xa que anunciaron que van volver a votar en contra da lei coa que queremos repetir este modelo en 2023”.

    Neste sentido afeou a actitude dos grupos de oposición que “apoian as protestas nos concellos onde hai problemas no servizo sanitario pero ao mesmo tempo votan en contra de todas as medidas que pon en marcha a Xunta para precisamente mellorar o servicio sanitario nestes concellos”.

    Lamentou tamén que “mentres a Xunta fai os seus deberes e actúa dentro das súas competencias para afrontar o problema de falta de médicos que temos na atención primaria, outros gobernos non o fan”.

    Referíndose así ao Goberno central, que “non fixo nada para cumprir nin o mandato do Congreso desde 2020 para cambiar a lexislación estatal de emprego público sanitario e avanzar na vía do concurso, nin o mandato recente tamén no Congreso para facer as modificacións normativas precisas no sistema de formación de especialistas para crear 1.000 prazas MIR máis de medicina de familia ao ano en España”.

    “PEDIMOS AO GOBERNO DE ESPAÑA QUE ESTEA CON GALICIA”

    A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, mostrouse tamén moi crítica coa actitude do Goberno central ante a falta de médicos: “Por moitas medidas que poña enriba da mesa a Xunta, dificilmente poderán resolverse as eivas que supón para a sanidade pública galega a falta de médicos se o Goberno de España non fai o que ten que facer”.

    Reivindicou que “a sanidade é un asunto prioritario para o PPdeG e para a Xunta” e “así o demostra a aposta da Xunta por adoptar medidas pioneiras que aportan solucións reais aos problemas reais da xente”. Unhas medidas que, nas súas palabras, demostran que Galicia é o camiño a seguir: “Con propostas e sen confrontación, estudando o contexto e ofrecendo solucións reais fronte a outros que o único que fan é poñer pedras no camiño”.

    Prado aproveitou para criticar que “hoxe o señor Sánchez está virtualmente en Galicia, pero non con Galicia” e por iso reclámalle que “deixe de preocuparse por documentais da Moncloa e estea con Galicia, coa sanidade pública galega e poña en marcha as medidas necesarias para que poidamos ter máis médicos”.

    Tanto Paula Prado como Julio García Comeseña estiveron acompañados durante a xornada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e polo candidato do PP á Alcaldía da cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez. Este último, médico de profesión, quixo agradecer “o esforzo que está facendo a Xunta nuns momentos tan difíciles nos que nin na sanidade pública nin na sanidade privada se encontran recursos”. Así como poñer en valor “a importantísima inversión que está facendo a Xunta na cidade de Pontevedra a través do hospital Gran Montecelo”.