Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Luis López: “Temos ao mellor candidato e o mellor proxecto, en oito meses haberá en Caldas de Reis un alcalde do Partido Popular”

    •  Paula Prado resalta que “somos o partido que máis se parece aos galegos porque estamos a carón dos nosos veciños, escoitámolos e ofrecemos solucións aos seus problemas”.
    • Fernando Pérez sinala que “na rúa xa se percibe o cambio, a xente ansía unha alternativa a un goberno esgotado e esa alternativa seria, estable e de futuro é a do PP”.

     

    30, setembro, 22.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, sinalou esta tarde que “o PP ten ao mellor candidato e o mellor proxecto, e por iso en oito meses haberá en Caldas de Reis un alcalde do PP”. Nesta liña, destaca que “este concello merece un alcalde centrado nos seus veciños, preocupado por atender e dar resposta ás súas necesidades. Un alcalde que teña un proxecto claro e de futuro. Os veciños necesitan un goberno que pense neles e non nas súas liortas internas, e o proxecto do PSOE para Caldas de Reis hai moito tempo que está esgotado. Non teñen nada máis que ofrecer”.

    Foi durante a celebración do 8º Congreso local do partido, no que Fernando Pérez era candidato único a presidir a agrupación, tras septuplicar os avais mínimos que necesitaba para formalizar a súa candidatura, e no que tamén participou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

    O presidente provincial recordou que “o PP é cambio que Caldas de Reis necesita”, e puxo en valor “o importante traballo que Fernando e o grupo municipal levan facendo durante todo o mandato, defendendo e pelexando cada proxecto fundamental para o concello”. Nesta liña, sinalou que “en contra do que esperaban algúns, o compromiso do Goberno da Xunta de Galicia con este concello é inequívoco”, e como exemplos citou  a ampliación do instituto Aquis Celeni, a parcelaria de Bemil, obradoiros de emprego... “e é unha mágoa non anunciar a construción do Centro de Saúde, que é un dos concellos prioritarios marcados por Sanidade, porque seguimos esperando a que o Concello faga os seus deberes”.

    A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, resaltou que os populares teñen un proxecto común “de certezas, solvencia, estabilidade e sentidiño” para cada un dos 61 concellos da provincia de Pontevedra. “Somos o partido que máis se parece aos galegos porque estamos a carón dos nosos veciños, escoitámolos e ofrecemos solucións aos seus problemas”, manifestou.

    Así mesmo, puxo en valor a experiencia de Fernando Pérez, destacando que “ten moi claro que o único importante é traballar xuntos para garantir o cambio” nas eleccións municipais do vindeiro ano. “Contamos cun proxecto sólido para que este concello prospere e teña máis oportunidades. Somos a única alternativa a un executivo local desgastado e sen propostas que se move por inercia”, apuntou resaltando a necesidade de “tinguir Caldas de Reis de azul” o 28 de maio de 2023 para que os veciños “teñan por fin cun goberno que atenda ás súas necesidades”.

    Por último, Fernando Pérez agradeceu o apoio dos afiliados de Caldas de Reis. “Levamos tres anos facendo un traballo moi importante, e este congreso de unidade é o último paso para afrontar o sprint final ata as municipais xuntos e na mellor situación posible”. Ademais, sinalou que “na rúa xa se percibe o cambio, a xente ansía unha alternativa a un goberno esgotado e esa alternativa seria, estable e de futuro é a do PP”.