Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP lamenta o voto en contra do Bipartito ás necesidades dos concellos da provincia

    • Cubela recorda que son os propios alcaldes socialistas os que hai uns meses pediron publicamente “un cambio de rumbo e unha rectificación nas formas e no proceder da Deputación de Pontevedra, para investir máis nos concellos pequenos e non nas cidades”.
    • Pardo pediu o apoio unánime da corporación provincial ás reclamacións dos traballadores de Ence, proposta que tamén recibiu o rexeitamento de PSOE e BNG.

     

    30, setembro, 2022.- O grupo provincial do Partido Popular lamentou hoxe que o Goberno Bipartito da Deputación votasen en contra das propostas dos populares para mellorar a situación e dar resposta ás necesidades da provincia, que pasaban porque o aumento do 5% que a institución vai recibir a través dos tributos do Estado repercutise directamente no Plan Concellos e que recuperasen a caixa de anticipos para os concellos de menos de 50 mil habitantes.

    “PSOE de Vigo e BNG de Pontevedra son quen goberna a Deputación de Pontevedra, e seguen estando moi afastados da realidade do resto dos concellos da provincia”, sinalou o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela. Durante a súa intervención recordou que son os propios alcaldes socialistas os que hai uns meses pediron publicamente a través dos medios de comunicación “un cambio de rumbo e unha rectificación nas formas e no proceder da Deputación de Pontevedra, para investir máis nos concellos pequenos e non nas cidades”. Así, defendeu que incrementar o Plan Concellos cos preto de 7 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra vai recibir de máis dos Tributos do Estado sería unha medida importante para garantir a prestación de servizos municipais básicos.

    Por iso, lamentou que fronte ás mocións “claramente construtivas, e que se fan eco das necesidades e reclamacións de todos os alcaldes, independentemente da súa cor política, “o Goberno sempre intente escusarse nos tres mandamentos: Xunta, PP e agora, Alfonso Rueda”.

    Cubela tamén defendeu a recuperación da caixa de anticipos da Deputación de Pontevedra, un recurso que segue funcionando en deputacións socialistas como Sevilla, Huelva ou Badajoz, e que suporía “un alivio para as entidades locais ante situacións como as que estamos vivindo agora mesmo” e permitiría aos concellos acceder a operacións de crédito e tesourería en igualdade de condicións que as cidades e sen custos engadidos ou intereses.

    APOIO AOS TRABALLADORES DE ENCE

    A última das mocións do grupo provincial foi reclamar o apoio unánime de toda a corporación provincial ás reclamacións dos traballadores de Ence, que hoxe saen á rúa nunha manifestación para defender os seus postos de traballo e a factoría en Lourizán. A deputada Pepa Pardo criticou que “pola decisión caprichosa e arbitraria dun alcalde” e “pola defensa selectiva que o PSOE fai dos postos de traballo”, crearon un problema que non existía, “e o fixeron sen dar ningunha solución nin alternativa e que pon en xogo o futuro de moitas familias”. Nesta liña, dixo que “isto non vai de partidos políticos, vai de familias e de persoas. De traballadores con nomes e apelidos, de moi diversa ideoloxía, e que non poden máis coa situación de inseguridade á que están sometidos. Vai de apoialos a eles”.

    A popular lamentou o rexeitamento do PSOE e do BNG á moción, e que tachen de “disco raiado” á defensa dos postos de traballo e do futuro de centos de familias desta provincia.