Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP propón que o aumento no orzamento da Deputación se destine directamente aos concellos

    • Explican que a través dos Tributos do Estado vai recibir 7 millóns de euros máis que este ano.
    • Piden recuperar o fondo financeiro de anticipos, que suporía “un alivio para as entidades locais ante situacións como a que están vivindo agora mesmo”.
    • “Sabemos o que están pasando os fogares, temos esta realidade moi presente, e os concellos nin podemos aumentar a presión fiscal nin prescindir de ningún servizo municipal”.

     

    27, setembro, 2022.- O grupo provincial do Partido Popular presentou esta mañá dúas iniciativas que defenderá no pleno deste venres na Deputación de Pontevedra e que poñen o foco sobre as dificultades que están atravesando os concellos pequenos e medianos da provincia para seguir prestando servizos fundamentais e básicos. Desde o PP propoñen que o aumento que a Deputación de Pontevedra vai recibir a través dos tributos do Estado repercutan directamente nos concellos e que recuperen da caixa de anticipos para os concellos de menos de 50 mil habitantes. “Dúas propostas serias, viables e que poden axudar de forma decidida aos concellos da provincia”, explicou o voceiro Jorge Cubela esta mañá diante do Pazo Provincial xunto a outros deputados populares.

    “Levamos semanas advertindo sobre as dificultades que están atravesando os pequenos e medianos concellos para garantir á cidadanía a prestación de servizos municipais básicos, como o saneamento, o mantemento de instalacións municipais, o alumeado público... mentres o Goberno provincial non fai absolutamente nada e mira cara outro lado”, denunciou. Advirte que “hai un vacío de poder no Goberno provincial, que desatende as súas competencias de apoio e cooperación cos concellos da provincia”.

    A primeira das propostas que defenden os populares é que a Deputación de Pontevedra destine integramente ao Plan Concellos o incremento dos ingresos que vai a recibir dos tributos do Estado. Segundo o Ministerio de Facenda, para o ano 2023 o aumento é do 5%, o que supón aproximadamente 7 millóns máis que este ano. “Un incremento que é absolutamente vital que sexa trasladado aos concellos da provincia”. Cubela recordou que a sobre recadación no Goberno central non se produce ola mellora da situación económica, senón que é provocada pola presión que están soportando os fogares e as empresas.

    A segunda das propostas dos populares é recuperar a caixa de anticipos para concellos de menos de 50 mil habitantes, “un fondo que funcionou durante moitos anos e que foi eliminado de un día para outro. Un fondo que “sería un alivio para as entidades locais ante situacións como as que estamos vivindo agora mesmo” e permitiría aos concellos acceder a operacións de crédito e tesourería en igualdade de condicións que as cidades e sen custos engadidos ou intereses.

    Tamén se referiu á problemática que atravesan os concellos o deputado provincial e alcalde da Estrada, José López Campos. Di que “estamos quedando rezagados, aumentan os nosos custes pero non temos forma de aumentar os nosos ingresos, porque o que non podemos facer é repercutir este incremento aos veciños. Ninguén entendería que un concello incremente un 10% as taxas e impostos dos servizos municipais, porque coñecemos a situación que están pasando os nosos veciños”.

    Por iso, dixo que “ante a proposta construtiva” que presentan os populares, “danse as circunstancias para que a Deputación de Pontevedra valore estas dúas propostas e axude aos concellos na prestación destes servizos. Sabemos o que están pasando os fogares, temos esta realidade moi presente, e non podemos aumentar a presión fiscal nin prescindir de ningún servizo municipal”.