30, xullo, 22.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, ven de reunirse cos alcaldes, voceiros e afiliados dos concellos do Baixo Miño, no proceso de preparación das bases do partido o longo da provincia de cara ás municipais do ano 23. O popular, que marcou como meta o reforzo das estruturas locais, destacou a condición municipalista do PP: “Debemos facer un esforzo por seguir centrados nos nosos veciños e seguir ofrecendo o mellor proxecto en todos os concellos”. A secretaria xeral, Luisa Piñeiro, tamén estivo presente, ademais de a práctica totalidade de deputados provinciais do PP.
López subliñou que a formación que preside ten unha clara “vocación local”: “Somos o partido da xente”. Por iso, o popular incidiu na marca distintiva do PP pontevedrés: “Ofrecemos a mellor xestión, o máis férreo compromiso e a nosa palabra de que a responsabilidade que temos con todos os veciños está máis vixente ca nunca”.
Nesta liña, López remarcou que a formación ten que conservar a súa vocación de “escoitar, patear e solucionar”, ante un “PSOE e un BNG só preocupado nos seus postos”. “Somos unha formación cunha identidade municipalista, que ten como marca distintiva o compromiso social e o traballo permanente co obxectivo de arranxar os problemas da nosa provincia”.
“Traballo, traballo e máis traballo”, recalcou o popular. “Debemos ter disposición plena, que dará como resultado un partido sen fisuras e centrado no que a cidadanía demanda”. “O noso reto é seguir mantendo a unidade dun partido forte, que garante estabilidade onde goberna e no que confiar para xestionar os momentos complicados e nas peores situacións. Un partido serio, estable, moderado e responsable”, rematou López.