08, xullo, 22.- O candidato a presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, anuncia que a nova estrutura provincial contará con tres vicepresidentes, que serán Nidia Arévalo, Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez.
López sinalou que están “ilusionados e satisfeitos por como se está desenvolvendo todo o proceso”, e recordou que os afiliados mañá “non só votan ao presidente provincial, votan a unha candidatura de mulleres e homes comprometidos co partido e coa súa provincia, e que me van acompañar nesta nova etapa”.
Foi durante a visita que fixo hoxe á montaxe do 19 Congreso provincial que se celebra mañá no auditorio Mar de Vigo, acompañado por membros da Comisión Organizadora e a presidenta local do partido, Marta Fernández-Tapias.
López explicou que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “seguirá como vicepresidenta. A súa traxectoria e coñecemento da política provincial é indiscutible” e por iso quere contar de novo con ela. E, ademais, incorpora ás outras dúas vicepresidencias a Marta Fernández-Tapias e Rafael Domínguez, presidentes locais de Vigo e Pontevedra. “Somos o partido que máis se parece á provincia e polo tanto, é razonable e necesario que nas vicepresidencias estean representados tamén os veciños das ciudades para acoller, atender e entender todas as sensibilidades. E non hai mellores representantes que Marta e Rafa, aos que non lle gana ninguén á hora de defender os intereses das súas cidades”. Por iso, agradeceulles aos tres que aceptasen formar parte desta nova etapa do PP de Pontevedra.
A nova secretaria xeral da provincia será Luisa Piñeiro, ex alcaldesa de Moraña e ex delegada da Xunta en Pontevedra, tal e como adiantou onte o propio candidato. O resto da candidatura darase a coñecer mañá ante os compromisarios do congreso.